O Concello de Carral publica un bando informativo para a realización de cacharelas, sardiñadas e churrascadas durante a noite do 23 ao 24 de xuño en espazos públicos e privados:
- Para facelas en espazos públicos, deberase solicitar a oportuna autorización municipal. Esta terá que incluír o DNI da persoa responsable (maior de idade) e o lugar do emprazamento (anexo I da ligazón).
- Para espazos privados, a persoa responsable terá que presentar unha comunicación previa (anexo II da ligazón).
A documentación poderá presentarse por rexistro xeral ou na sede electrónica municipal antes das 13.00 horas do 19 de xuño.
O Concello de Carral pecha a XXI edición da Festa do Pan de Carral, celebrada esta fin de semana, cunha asistencia masiva que consolidou unha vez máis este evento como unha das citas gastronómicas e culturais máis destacadas da comarca.
Durante as dúas xornadas repartíronse máis de 6.000 bocadillos cardiosaludables elaborados con pan artesán de Carral, produto que se reafirma como símbolo de identidade local.
O Concello de Carral quere recoñecer publicamente o labor dos panadeiros e panadeiras do municipio, verdadeiros protagonistas da celebración, así como o traballo da Comisión de Festas, das forzas e corpos de seguridade, do servizo de Emerxencias e Protección Civil de Carral, e de todo o persoal municipal implicado na organización. Destácase tamén a actitude exemplar da veciñanza e das persoas asistentes.
A Festa do Pan de Carral consolídase así como un referente que combina tradición e calidade gastronómica, deixando un balance moi positivo nesta XXI edición e marcando o camiño cara á súa vixésimo segunda edición.
O Concello de Carral vén de anunciar a obra gañadora da 28ª edición do seu Premio de Poesía: Especies invasoras, autoría da viguesa Branca Trigo Cabaleiro. O certame contou nesta edición cunha participación récord de 100 obras, consolidándose así como un dos principais referentes da poesía en lingua galega.
O xurado, presidido polo alcalde Javier Gestal e co técnico de cultura Carlos Lorenzo como secretario, estivo composto tamén por destacadas figuras do ámbito literario galego; Silvia Penas, gañadora da edición de 2024: Armando Requeixo, crítico e investigador literario; e Antía Marante, poeta, tradutora e docente. Tras a avaliación de todas as obras presentadas, o xurado decidiu por unanimidade outorgar o premio a Especies invasoras, presentada baixo o lema Magma.
A obra gañadora foi eloxiada polo xurado como “un libro de poemas que explora de xeito radical a identidade, o desarraigo e a violencia estrutural”, facendo emprego da metáfora da invasión biolóxica para abordar temas como o corpo, a casa e a memoria. Destacouse a súa estrutura fractal, a forza imaxinativa e a capacidade para fundir o íntimo e o colectivo nunha linguaxe poética profundamente innovadora e transgresora.
O premio está dotado con 3.500 euros e a publicación da obra por parte da editorial Espiral Maior. A entrega oficial do galardón terá lugar o venres 30 de maio na Casa da Cultura de Carral, nun acto no que tamén se presentará o libro A pel do exilio de Silvia Penas, gañador da edición anterior.
O Premio de Poesía Concello de Carral conta coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Cultura. Ademais, o certame vén de recibir o terceiro premio “Rodolfo Prada á xestión cultural” outorgado pola Deputación de Ourense, recoñecendo así a súa traxectoria e impacto no panorama cultural galego.
Branca Trigo, voz transgresora da poesía galega actual
Branca Trigo Cabaleiro (Vigo, 1997) é poeta, editora e dinamizadora cultural. Codirixe Edicións Malafera, onde publicou os libros Coñecemento do Medo e trans0, así como varios fanzines. É tamén autora do poemario Condolore e participou en diversas publicacións colectivas como Alguén nos lembrará ou Gótico Urbano. Traballa na intersección entre poesía e outras artes a través de proxectos como Poetry Sniping: Simulacro, xunto a Pablo Rodríguez, ou accións en directo coa pintura de Ramón Trigo.
Tamén organiza o micro aberto Cerimonia de Gaivotas e coordina obradoiros de creación en distintos espazos culturais e educativos. Actualmente realiza a súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo, centrada na monstrosidade queer dentro da poesía galega contemporánea.
Preto de 20 horas de celebración nas que todo xirará ao redor do pan de Carral. Esa é a proposta que o Concello e a Asociación de Panadeiros de Carral teñen preparada para a Festa do Pan, unha cita que se desenvolverá o sábado, 10 de maio, e o domingo, día 11. Trátase dunha das citas gastronómicas de maior relevancia e historia da comarca que vivirá, en 2025, o seu vixésimo primeira edición.
O sábado, día 10, o programa arrincará ás 12.00 horas e prolongarase ata a noite. A hora de inauguración supoñerá tamén a apertura do posto de venda do bocadillo cardiosaludable, unha receita elaborada a base de xamón, tomate e aceite de oliva. Ao mediodía arrincarán, así mesmo, a feira medieval e o taller infantil de elaboración, unha das actividades máis atractivas do evento. Ao longo da xornada do sábado haberá tamén varias actuacións musicais e actividades. Ás 12.30 e ás 13.30 horas será a actuación do Grupo Musical Gaeloc Medieval e ás 14.00 horas haberá sesión vermú a cargo do Grupo Ritmo.
O sábado pola tarde, a partir das 16.30 horas, terá lugar a representación teatral de ‘A viaxe sen retorno’ por parte do alumnado do IES de Carral, que interpretará unha segunda función ás 18.00 horas. A oferta de talleres ampliarase tamén pola tarde, con outro de cheiraría. Ás 18.00 horas terá lugar un espectáculo de zancudos e malabaristas e ás 20.00 horas dará comezo a parte musical do evento. A esa hora, co Grupo Arnela de Carral e a Parranda Labradores (Lanzarote) na praza dá Capela e, a partir das 21.30 horas, cunha verbena na que tocarán Ritmo e América S.L.
Programación do domingo
O domingo, día 11, a actividade arrincará ás 11.00 horas coa venda do bocadillo cardiosaludable, a feira medieval e os talleres de elaboración. Ás 11.30 horas realizarase unha exhibición de buxainas acrobáticas a cargo do campión internacional mexicano, Omar Púe, e unha exhibición de baile de buxainas. Ambas as propostas repetiranse tamén ás 17.30 horas. Ás 14.00 horas a orquestra Fuego amenizará a sesión vermú.
Ás 16.30 e ás 18.30 horas haberá actuacións a cargo da Charanga Santa Compaña. Ás 20.00 horas, Fuego poñerá o toque musical para despedir o programa da vinte e unha edición.
Carral iniciou, esta semana, o proxecto para mellorar a eficiencia enerxética na Casa do Concello, unhas actuacións coas que se prevé rebaixar o consumo enerxético e as emisións de CO2 do edificio municipal nun 43%. As obras executaranse cun orzamento de 149.993,23 euros dos que o 80% procede dunha subvención de Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (actual Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes) e cofinanciada no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.
O alcalde, Javier Gestal, incide en que se trata dun proxecto co que se alcanzará un dobre obxectivo: “dunha banda, conseguiremos rebaixar as emisións de CO2, pero estas melloras terán, ademais, unha repercusión positiva nas arcas municipais, permitíndonos conseguir un grande aforro económico”.
O Concello resultou beneficiario da axuda autonómica en virtude dunha orde do 16 de xaneiro de 2024 de Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes sobre a convocatoria de subvencións de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas vinculados á prestación de servizos municipais.
Esta liña de subvencións está cofinanciada no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027 e ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60%, computándose como cofinanciamento nacional, polo 40% restante, un 20% de fondos propios da Comunidade Autónoma e un 20% como contribución pública dos concellos beneficiarios.
Encádrase na estratexia do programa, os principais retos e as respostas estratéxicas, da maneira seguinte:
- Obxectivo político 2, que busca unha Europa máis verde, hipocarbónica e en transición cara a unha economía con cero emisións netas de carbono e resiliente promovendo, entre outras medidas, unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e xestión de riscos e a mobilidade urbana sostible. Dentro deste obxectivo, as medidas de fomento reguladas nesta orde sitúanse na prioridade P2A Transición verde.
- Obxectivo específico RSO2.1. Fomentar a eficiencia enerxética e a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.
- Actuación 2.1.01. Mellora da eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas públicas.
- Ámbitos de intervención: 044 Renovación da eficiencia enerxética ou medidas de eficiencia enerxética relativas a infraestruturas públicas, proxectos de demostración e medidas de apoio: impútase a este campo de intervención o 47,25% do importe total da convocatoria (2.520.000,00 euros).
045 Renovación da eficiencia enerxética ou medidas de eficiencia enerxética relativas a infraestruturas públicas, proxectos de demostración e medidas de apoio que cumpran os criterios de eficiencia enerxética: impútase a este campo de intervención o 52,75% do importe total da convocatoria (2.813.334,00 euros).



O Boletín Oficial da Provincia de hoxe, mércores 16 de abril, recolle as bases das axudas ao estudo do Concello Carral.
O prazo de solicitude abrirarase a partir do día seguinte da publicación do extracto das bases no BOP.
Esta liña está dirixida a alumnado empadroado en Carral e matriculado nas seguintes etapas educativas durante o curso 2024/2025:
- 2º ciclo de educación infantil
- Educación postobrigatoria/formación profesional básica: ciclos formativos, bacharelato ou similares
- Estudos universitarios oficiais
O Concello e a Asociación de Panadeiros de Carral xa teñen data para a celebración dunha das citas gastronómicas con máis renome e historia da comarca: a Festa do Pan. A vinte e unha edición terá lugar o sábado, 10 de maio, e o domingo, día 11. Serán dous días de programación nos que o pan será o gran protagonista, pero nos que haberá tempo tamén para degustacións, obradoiros para os máis pequenos, música, feira medieval e espectáculos, entre outras propostas.
A venda do bocadillo cardiosaudable será unha das atraccións principais do evento. Como é habitual, durante a celebración habilitarase un punto de venda no que o público asistente poderá degustar esta receita a base de pan, aceite, tomate e xamón. Outra das actividades estrela que tampouco faltará na Festa do Pan serán os talleres infantís de elaboración, onde os nenos e nenas aprenden a facer os bolos.
A vixésimo primeira edición levarase a cabo baixo o lema O pan de Carral, unha obra de arte sen igual, unha mensaxe coa que a organización busca poñer en valor o proceso artesanal que hai detrás desta receita tradicional. O alumnado do CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel encargouse do deseño do cartel, no que o bolo é o elemento central.

A Biblioteca municipal de Carral celebrará o mes do libro agasallando exemplares á cidadanía. O Concello instalou na entrada da Casa da Cultura un punto no que ofrecerá libros de balde que poden recoller as persoas amantes da lectura. Trátase dunha das accións que se organizan no mes de abril e con ela búscase un dobre obxectivo: dunha banda, estimular a lectura entre a veciñanza e doutra outra, promover un maior achegamento á biblioteca municipal.
As persoas interesadas, que non precisan ser socias da Biblioteca, teñen á súa disposición ata finais de mes propostas de todos os xéneros. Así, poderán atopar libros de narrativa, de poesía, teatro e ensaio para todas as idades.
A Biblioteca realiza esta acción grazas aos labores de expurgado dos fondos bibliográficos, así como ás doazóns de particulares e de cesión doutras administracións e institucións.
Contacontos
No marco da celebración do mes libro, o Concello celebrará, así mesmo, unha sesión de contacontos para nenos e nenas a partir de 4 anos o xoves, 24 de abril, a cargo dos Ratos de Lonxedetodo, da compañía Trinketrinke Teatro.
O Concello Carral publica un decreto de alcaldía para o uso de dominio público con motivo da Festa do Pan de Carral.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 2 de maio de 2025.
A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (LPDCIF), ten como un dos seus obxectivos actualizar o réxime xurídico da loita contra os incendios no medio rural, integrando nel a prevención e a extinción, ademais da protección da poboación, das infraestruturas e das instalacións agrarias.
Comunícase ás persoas responsables que dispoñen ata o 31 de maio para o cumprimento voluntario da súa obriga para xestionar a biomasa nas parcelas afectadas polas redes secundarias de faixas nos seguintes termos:
– Nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, arredor de edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte e arredor das edificacións illadas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte.
-Con carácter xeral, na mesma franxa de 50 metros mencionada non poderá haber especies como eucalipto, pino, acacia, mimosa, toxo, fieitas, entre outras.
En caso de incumprimento, se poderá proceder á execución subsidiaria a costa do responsable ou á imposición de multas coercitivas hasta que se realice a xestión ademais dunha sanción de entre 1000 a 100.000 euros. (Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, en relación co disposto no artigo 50.1 da Lei 3/2007, artigo 74).
Para mais información pode contactar co Concello no 881 913 533.












