O primeiro programa de saúde bucodental dirixido aos centros escolares do municipio posto en marcha polo Concello, través da Concellería de Educación, foi todo un éxito de participación.

Durante este luns e o pasado, coincidindo co Día Mundial da Saúde Dental, nenos e nenas de educación infantil do CEIP Vicente Otero Valcárcel aprenderon sobre a importancia da saúde bucodental.

Os principais obxectivos deste programa de saúde bucodental son a realización de talleres de fomento deste tipo de benestar nas aulas e lograr a implicación das farmacias e clínicas dentais. Así, nesta iniciativa participaron Farmacia Carral, Farmacia Ortopedia Grande, Farmacia Seijas Seoane, Centro Dental Ignacio Maceiras, Centro Dental González de Canles e Gingiden centro dental.

Por outra banda, desde a Concellería de Educación buscan que a través deste tipo de actividades na aula se reduzan as enfermidades dentais grazas, entre outras actuacións, á prevención e creación de hábitos tanto hixiénico saudables como alimentarios.

O alumnado de catro e cinco anos estivo moi participativo durante as sesións, interesándose polo coidado e a historia dos dentes de leite. Ao finalizar a actividade todos recibiron dous detalles: un estoxo cun cepillo e pasta de dentes, por parte dos centros dentais; e unha caixiña con forma de dente por parte das farmacias participantes.

A concelleira de Educación, Mercedes Caridade, sinala “a importancia de inculcarlles o coidado dos dentes desde que son pequenos e pequenas”. Ademais, a concelleira recalca que moitos nenos e nenas desenvolven un medo para acudir ao dentista, polo que “é recomendable que os propios familiares acompañen aos cativos e cativas para que se familiaricen con este tipo de atención”.

  • Membros do equipo de goberno, tomaron parte, esta semana, nun encontro informativo.
  • Segundo se informou na xornada, o Ministerio realizará unha adaptación das bases á que poderán acollerse aqueles Concellos con proxectos que foran descartados na convocatoria anterior.

O Concello de Carral concorrerá á próxima convocatoria de fondos do Instituto para a Transición Xusta. Así o confirman desde o goberno local, indicando, ademais, que encaran a próxima convocatoria con “optimismo”, confiando en recibir o apoio económico necesario para executar o proxecto de innovación na xestión da auga residual e construír unha nova depuradora.

Membros do equipo de goberno tomaron parte no encontro informativo do Convenio de Transición Xusta que se celebrou, esta semana, en Cerceda. Nel, informouse de que o Ministerio realizará unha adaptación das bases destas subvencións á que poderán acollerse aqueles proxectos que foran descartados na anterior convocatoria por non obter a puntuación mínima.

O goberno local reaxustará a proposta presentada no seu momento e volverá presentar o proxecto á convocatoria, confiando en recibir os fondos “para levar a cabo estas obras esenciais en materia de saúde pública”.

Xa está aberto o prazo de solicitudes de axudas ao estudo para estudantes empadronados/as en Carral e matriculados no curso 2022/2023.

O 16 de marzo, comeza o prazo de entrega de solicitudes, que permanecerá aberto ata o 5 de abril.

Podes acceder á orde do BOP aquí

Solicitude

O establecemento hostaleiro Casa Avelina resultou gañador na terceira entrega do Premio 8 de marzo, unha iniciativa posta en marcha polo Concello para dar visibilidade ás mulleres do municipio e ao seu papel na sociedade carralesa.

Nesta edición houbo dúas formas de participación: a través da app móbil ‘Cuida Carral’ e de xeito presencial no rexistro de entrada do Concello. Así, as irmás María del Carmen e Avelina contaron co apoio do 76% dos votos para obter un galardón que pon sobre a mesa a importancia de Casa Avelina no municipio. O local, situado nas Travesas, atópase no Camiño Inglés e a el achéganse centos de peregrinos e peregrinas que destacan a amabilidade, a atención e gran dedicación das rexentes.

O alcalde, Javier Gestal, fixo entrega dun ramo de flores e da figura da panadeira á María del Carmen, quen disculpou a ausencia da súa irmá. O rexedor agradeceu a ambas as dúas “a súa gran dedicación e amabilidade, singularidades que poñen a Casa Avelina no punto de mira da hostalería de Carral”. Pola súa parte, María del Carmen mostrouse moi emocionada e deu ás grazas a todas as persoas que votaron e que asistiron ao evento, mostrándose moi agradecida pola entrega do premio e pola visibilización do seu traballo.

Implicación da comunidade educativa

O evento realizouse no lugar no Salón de Plenos do Concello de Carral, xusto despois da lectura do manifesto polo 8M. Ademais, o alumnado do CEIP Vicente Otero Valcárcel e do IES Carral tamén foi protagonista da xornada de hoxe ao participar na simulación dun pleno cuxa orde do día foi o papel da muller no sector das tecnoloxías.

O rexedor e a concelleira de Educación e Igualdade, Mercedes Caridad, agradeceron a enorme implicación dos centros de ensinanza, así como a enorme preparación dos estudantes, “que expuxeron uns puntos de vista e unas propostas moi interesantes con respecto á temática central deste 8M”. O lema de este ano da ONU era “Por un mundo dixital: innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero”.

Durante o acto cos rapaces e rapazas interviu, ademais, a profesional que está realizando o servizo municipal de atención psicolóxica. Na súa intervención, a psicóloga deulles unha pequena charla aos mozos e mozas incidindo na importancia de seguir traballando para acadar sociedade igualitaria para homes e mulleres.

Carral ampliará, no mes de marzo, o seu programa cultural cunha nova proposta de lecer para veciños e veciñas de todas as idades: un programa de obradoiros de baile. O concelleiro de Cultura, Francisco Bello, sinala que a iniciativa xorde do interese veciñal e confía en que as sesións teñan “unha boa acollida”. O edil avanza que, en función das cifras de asistencia, o Concello estudará a posibilidade de levar a cabo novas edicións deste programa.

As actividades levaranse a cabo no local Xente Nova de Tabeaio. Os talleres celebraranse todos os domingos do mes de marzo, entre as 17.30 e as 20.30 horas.

Co fin de abarcar diferentes estilos de danza, os mestres mudarán en cada unha das sesións. Begoña García (5 de marzo), Eduardo Revelación (12 de marzo), Ángel Habana (19 de marzo) e Ana Cristina (26 de marzo) serán os encargados de formar ás persoas asistentes.

Non se require inscrición previa para tomar parte nestes talleres. Os veciños e veciñas interesados deberán achegarse á instalación antes do inicio de cada sesión e terán que aboar 3 euros.

Nos vindeiros días terá lugar a activación de novos servizos de telefonía móbil 4G, %G o cal pode ocasionar interferencias na recepción da TV.

Si se detecta algún tipo de problema na visualización dos canais da TDT poden poñerse en contacto con Llega700 para a reparación gratuita durante os próximos 6 meses a través do correo ayuda@llega700.es e do teléfono 900 833 999.

Maís información, no servizo de Medio Ambiente do Concello ou no teléfono 981 67 00 02.

O Diario Oficial de Galicia recolle unha resolución da Secretaría Xeral de Política Lingüística pola que se anuncia, con carácter voluntario e gratuíto, a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 2, Celga 3 e Celga 4.

O prazo de matrícula é do 13 de febreiro ao 3 de marzo, e os cursos realizaranse do 20 de marzo ao 11 de maio, existindo na modalidade presencial e en liña. A súa duración é de 70 horas.

A matriculación pode realizarse a través da web. 

O INEGA publica no DOG a convocatoria das axudas para a renovación de electrodomésticos.

O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 30 de setembro de 2023.

Ligazón ao DOG.

Maís información no servizo de medio ambiente do concello ou no teléfono 981670002.

A Concellería de Cultura do Concello de Carral anuncia unha nova convocatoria do seu certame de poesía, que acada neste ano 2023 a súa 26ª edición.

O certame carralés, un dos máis prestixiosos dos que se convocan en lingua galega, está premiado con 3500 € e a publicación da obra na editorial Espiral Maior. Pódense presentar ao concurso autoras e autores maiores de idade con poemarios dun mínimo de 500 versos. O prazo manterase aberto ata o 13 de abril e como novidade desta convocatoria, os traballos presentaranse exclusivamente de maneira dixital a través da plataforma especificada nas bases.

A entrega do premio e a presentación do libro Trono e caléndula co que Carlos Penela gañou na pasada edición, terá lugar o 9 de xuño na Casa da Cultura.

O Premio Concello de Carral de Poesía segue a contar nesta edición coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Bases do XXVI Premio de Poesía Concello de Carral