Concello de Carral

O alcalde do Concello de Carral, Javier Gestal, espera o apoio da corporación municipal para “levar a cabo un proxecto crucial en materia de saúde pública”. O goberno local propoñerá ao pleno deste xoves, 7 de abril, solicitar unha subvención á Deputación para sufragar os gastos da redacción do proxecto da futura depuradora do Quenllo. O rexedor confía en que os grupos da corporación apoien esta iniciativa: “consideramos que esta é unha cuestión prioritaria e agardamos que o resto de agrupacións a apoien, o que sería un paso importante para mellorar o saneamento do noso municipio”.

A estación depuradora de augas residuais do Quenllo sofre deficiencias no tratamento da auga. Estas carencias xorden, fundamentalmente, polo tipo de carga de augas residuais urbanas e industriais que recibe, así como polo excesivo volume de auga entrante que se rexistra en certos momentos. Estas dúas condicións dificultan o tratamento da auga.

Desde o goberno local apuntan que os seus predecesores no goberno xa eran coñecedores destas deficiencias. A Xunta de Galicia encargou un estudo para analizar a situación da estación. No documento resultante concluíuse a inviabilidade para corrixir a problemática da depuradora. Tendo en conta os resultados, o equipo de goberno propoñerá solicitar unha axuda nominativa á Deputación da Coruña coa que facer fronte aos gastos derivados da redacción do proxecto da futura planta.

En total, a elaboración deste proxecto tería un custo de preto de 120.000 euros. Se a proposta do equipo de goberno recibe luz verde, solicitaríase unha axuda provincial de 95.256,26 euros. Desta forma, a Deputación asumiría o 80% dos gastos, mentres que o 20% restante (un máximo de 23.814,06 euros) procedería das arcas municipais.

O Concello celebrou, esta mañá, o Día Mundial da Poesía cunha homenaxe a un Uxío Novoneyra. O acto tivo lugar, precisamente, na rúa de Carral que leva o mesmo nome, e correu a cargo do alumnado do IES de Carral, que leu varios poemas do autor e poeta.

Máis aló da xornada conmemorativa de hoxe, esta actividade celebrouse como parte do programa de propostas organizadas polo 25 aniversario do Certame de Poesía do Concello de Carral.

Á homenaxe acudiron membros do goberno local, os estudantes do instituto e o fillo do escritor, Uxío Novo, quen agradeceu a lembranza ao seu pai.

Como ven sendo habitual desde hai uns anos, o departamento municipal de Cultura do Concello de Carral elabora e publica un informe de avaliación da súa actividade anual, analizando diversos indicadores. O informe que elabora o técnico municipal de Cultura, recompila datos das actividades, indicando a participación por xéneros, se son actividades subvencionadas, o seus custos directos, a clasificación en materia de igualdade de xénero, onde se realizan… Faise tamén unha análise da evolución nos últimos anos das diversas programacións, obtendo unhas conclusións e realizando algunhas propostas para mellorar os resultados e os impactos en vindeiros exercicios.

O nivel de participación, que chegou ás 3426 persoas, foi practicamente o mesmo que no 2020 tendo en conta que non se puideron realizar algunhas actividades pola pandemia, ou que houbo restricións nas capacidades dos espazos que impediron aumentar as cifras de participación. No que se refire ao número de actividades si que se produciu un aumento, chegando ás 80. O gasto directo producido pola execución da programación foi de 62219,54 €, o que supuxo o 1,17% do orzamento municipal.

Os programas de monólogos e teatro foron dos que obtiveron mellores resultados de público, mentres que a participación de nenos e nenas en actividades da biblioteca sufriu un importantes descenso.

Entre outras novidades con respecto á avaliación dos anteriores, pedíuselle a artistas, profesionais e empresas que traballaron na programación cultural para que emitiran a súa opinión sobre o departamento de Cultura de Carral. Fan unha excelente valoración da profesionalidade do persoal de Cultura, mais indican a necesidade de mellora dalgúns dos espazos culturais.

A avaliación é unha ferramenta para a mellora das programacións municipais e publícase nesta web como exercicio de transparencia na xestión pública.

Prema para acceder ao informe de avaliación.

O Centro Dramático Galego está a representar “A Peste” no Salón Teatro de Santiago de Compostela, e ofrece un autobús gratuíto para asistir á función da noite deste sábado. Coa colaboración do Concello de Carral, que asume o custo das entradas ao espectáculo, as persoas interesadas en asistir deberán reservar a súa praza na Casa da Cultura ou no teléfono 981 672 580.
O autobús partirá do Campo da Feira ás 17:30 h. e volverá desde Santiago ás 23:00 h.
“A Peste” é unha adaptación do texto de Albert Camus dirixida por Cándido Pazó, e na que participa un extenso elenco e cunha atractiva escenografía.
É unha boa ocasión para gozar dunha excelente proposta teatral que está a obter un gran éxito e que conclúe nesta semana a súa representación.

 

No marco das actividades de conmemoración dos 25 anos do Premio de Poesía Concello de Carral, a Casa da Cultura acollerá este venres a segunda sesión das Conversas con Poetas. A actividade comezará ás 20:00 h.
Nesta ocasión participarán Emma Pedreira, Baldo Ramos e Xosé Luís Mosquera, moderados pola profesora e crítica literaria carralesa Inma Otero, para falar de como influíu nas súas traxectorias o ter conseguido o premio de Carral, cales foron os seus inicios na literatura, en que están a traballar na actualidade…
Para asistir é necesario anotarse previamente na Casa da Cultura chamando ao 981 672 580.

  • Os rapaces e rapazas do IES de Carral e do CEIP Vicente Otero Valcárcel leron algúns poemas da autora.

O Concello e os centros de ensinanza uníronse, esta mañá, para enxalzar a Rosalía de Castro. Fixérono, non só co gaio do día en honor á escritora, que se conmemora mañá, mércores 23 de febreiro, senón tamén como parte do programa especial polos 25 anos do Premio de Poesía do Concello de Carral.

Deste xeito, a actividade realizouse cun dobre obxectivo: por unha banda, lembrar á Rosalía de Castro, unha das autoras galegas máis prolíferas que cultivou, entre outros xéneros, o da poesía. Pola outra, e co fin de seguir promovendo o certame poético de Carral, déuselles aos mozos e mozas información sobre o Premio, así como sobre as distintas propostas que se levarán a cabo para celebrar o 25 aniversario.

No acto estiveron presentes o alcalde, Javier Gestal, concelleiros e concelleiras do goberno local e alumnos e alumnas do CEIP Vicente Otero Valcárcel e do IES de Carral. O evento contou coa intervención do escritor e investigador e académico da Real Academia Galega, Xosé Luis Axeitos, que acudiu en representación da Fundación Rosalía de Castro. Ao remate, algúns rapaces e rapazas dos centros de ensinanza leron algúns dos poemas da escritora padronesa.

Durante a súa intervención, o rexedor puxo en valor o “papel de Rosalía de Castro, unha das escritoras máis importantes da historia de Galicia”.

Financiaranse con estes apoios a elaboración e contratación de asesores para a implantación de plans de igualdade, o fomento do teletraballo e a aplicación de medidas para a flexibilidade horaria, así como a promoción da RSE ORDE do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial ( RSE), e procédese á súa convocatoria para o ano 2022 (códigos de procedemento TR357 B, TR357 C e TR357D)

Logo de aprobarse inicialmente e ser exposto para consulta pública, en cumprimento do establecido no artigo 83 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas (LPACAP en adiante), o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais do Concello de Carral foi aprobado definitivamente mediante acordo adoptado en sesión plenaria celebrada en data 8 de febreiro de 2022. O devandito Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais do Concello de Carral está dispoñible para consulta en formato papel no Concello, en horario de oficina (luns a venres, de 9:00 horas a 14:00 horas), e na sede electrónica do Concello (https://sede.carral.es).

 

PLAN MUNICIPAL DE PREVENCIÓN DE INCENDIOS

Axudas para a posta en marcha de casas do maior e a continuidade de casas do maior en funcionamento, para os anos 2022 e 2023, e se procede á súa convocatoria (códigos de procedemento BS212A e BS212B).