Publícase a acta do tribunal de selección de persoal coa proposta ao Sr. alcalde do aspirante con maior puntuación para cubrir o posto de operario de limpeza de montes e tarefas de silvicultura ao amparo da subvención concedida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o fomento do emprego no medio rural ( Aprol rural 2021).

Dada a urxencia da contratación outórgaselles a todos os interesados un prazo dun día (29 de xullo de 2021) para reclamacións ou alegacións segundo o establecido no punto sétimo das bases que rexen esta contratación.

O Concello está celebrando a 1ª fase do seu Torneo de Pádel por Parellas, no que participan un total de 21 parellas. En total, nesta primeira fase de liguilla -que se disputará ata o 21 de agosto- están tomando parte 42 persoas con idades comprendidas entre os 12 e os 58 anos.

A competición divídese nunha primeira fase na que as persoas participantes están divididas en cinco grupos. Ao rematar a fase de liguilla, as mellores parellas clasificaranse para oitavos de final. É dicir, disputaranse 8 enfrontamentos entre 16 parellas.

O certame está suxeito a un estrito protocolo de seguridade para previr contaxios pola covid-19.

Cursos de pádel

O Concello rematará, esta semana, os seus cursos de pádel, que contaron coa participación de 16 alumnos. Ao longo das sesións, as persoas inscritas iniciáronse nesta modalidade deportiva, traballando técnica de xogo e coñecemento o regulamento básico.

Por decreto de alcaldía 314/2021 do 27 de xullo 2021 resólvese aprobar a listaxe definitiva de admitidos e excluídos dos candidatos presentados no procedemento de selección para a contratación laboral temporal dun operario de limpeza de montes e tarefas de silvicultura , así como nomear aos membros do tribunal e fixar o día e a hora dá entrevista profesional.

MJ Pérez e Lulavai serán as artistas que conforman o cartel da 7ª edición do ciclo Músicas Íntimas: concertos na piscina, que terá lugar na fin de semana do 31 de xullo e 1 de agosto.

MJ Pérez, que actuará o sábado en formato dúo, é unha das novas voces da música galega. Cantautora que iniciou a súa traxectoria no 2014 e que acumula máis de 100 concertos, 4 discos, o premio Xuventude Crea, ademais de ser finalista noutros certames. A música de MJ Pérez bebe da esencia da canción de autor, unha fusión de diversos estilos musicais co predominio do rock-pop ata o de agora, mais co seu novo disco emprende un cambio de rumbo no que os ritmos latinos e a música de raíz están máis presentes.  A palabra e a mensaxe dos temas cobra especial protagonismo xunto coa voz de MJ, cargada de personalidade.  O seu concerto en Carral servirá para presentar o seu novo disco “A luz prendida”.

O domingo toman o escenario o cuarteto Lulavai, una formación única no que a polifonía se xunta aos fermosos sons das arpas celtas nuns elaborados arranxos de temas tradicionais e de compositores galegos. Lorena Reinaldo, Paula Oanes, Josefa Fernández e Elena Paz formaron Lulavai no 2008, gravaron 3 discos  e acumulan concertos realizados por Galicia, o resto de España e Portugal. O seu concerto será un percorrido por temas propios, adaptacións da nosa música tradicional, con temas tranquilos e outros máis rítmicos, empregando as arpas celtas e outros instrumentos de percusión tradicional.

Para ambos os dous concertos as localidades son limitadas, polo que é necesario reservar convites na Casa da Cultura antes das 14:00 h. do venres chamando ao 981 672 580.

O ciclo Músicas Íntimas é o evento musical de referencia de Carral que cada ano chega no verán con propostas galegas de gran calidade e aceptación por parte do público.

No caso de meteoroloxía desfavorable, as actuacións trasladaranse á Casa da Cultura, dando acollida ás primeiras 25 reservas de entradas de cada concerto.

Por decreto da alcaldía 306/2021, do 22 de xullo de 2021, resolveuse aprobar a lista provisional de admitidos e excluídos dos candidatos/ as presentados para a contratación laboral temporal dun operario de limpeza de montes ao amparo da subvención concedida a este Concello pola Conselleria de Economía, Emprego e Industria para o fomento do emprego no medio rural.

Outórgaselle aos interesados un prazo de DOUS DÍAS HÁBILES para reclamacións ou correccións segundo o establecido nas bases que rexen o procedemento.

Para calquera dúbida ou aclaración poden dirixirse ao departamento de Persoal (981670002).

Os núcleos de Tabeaio e Carral verán reforzadas as súas condicións de seguridade viaria coa elevación de pasos de peóns, a instalación de semáforos, a colocación de iluminación e de nova sinalización. Estas intervencións realizaranse a través dun convenio coa Deputación da Coruña e supoñerán resolver os problemas de accesibilidade, seguridade e visibilidade en varios puntos do termo municipal. En concreto, por medio do acordo co ente provincial, actuarase nun total de dez sendas: sete delas son as situadas na N-550, entre os núcleos de Tabeaio e Carral, e outras tres correspóndense coas situadas nas zonas escolares e no centro de saúde.

Con estas actuacións, o goberno local busca “ mellorar as condicións de seguridade viaria non municipio, dándolle unha maior prioridade aos peóns fronte aos vehículos”.

Por unha banda, instalaranse semáforos con pulsador no primeiro e o último paso de peóns de Tabeaio, así como no último da zona de Carral en dirección Santiago. Polo outro, no resto de sendas da Nacional dispoñerase un sinal luminoso de peóns e colocaranse, ademais, focos que iluminarán a travesía, garantindo así unha maior visibilidade e seguridade para os viandantes. A maiores, pintarase o cebrado do asfaltado doutro dos pasos peóns da zona centro de Carral, ao atoparse a capa actual en mal estado.

Estas obras completaranse coa colocación de bolardos no sentido da marcha dos vehículos. Con esta última actuación búscase evitar que aparquen cara á dereita da estrada e dificulten a visibilidade dos peóns que se dispoñen a atravesar a calzada.

Nos pasos de peóns fóra da Nacional instalaranse redutores de velocidade en forma de pasos sobreelevados que se executarán in situ.

O Concello sacou a licitación estes traballos por preto de 70.000 euros. Unha vez que se adxudiquen estas obras, o prazo de execución será de dous meses.

Publícase o decreto de  alcaldía 303/2021, do 16 de xullo de 2021, polo que resolvese iniciar o procedemento urxente para a contratación dun operario de limpeza de montes ao amparo da subvención da Consellería de Economía, Industria e Emprego para o fomento do emprego no medio rural (Aprol 2021).

Dada a urgencia na contratación e atendendo á Orden da Consellería, outórgaselles a todos os/as candidatos/as un prazo de dous días hábiles para a presentación das instancias para participar no procedemento.

Na edición de xullo son máis de 30 nenos e nenas os que participan nesta actividade.

O concello de Carral acaba de convocar os cursos de natación para o mes de agosto para nenos e nenas de entre 3 e 15 anos.  As datas previstas para estes cursos serán desde o 2 ao 31 de agosto.

Debido á situación sanitaria, as prazas ofertadas para esta actividade son de 30, divididos en dúas quendas de 15 alumnos/ as. Ao mesmo tempo en cada quenda estableceranse dous grupos burbulla, un de iniciación e outro de perfeccionamento, de forma que sexa posible o mantemento das distancias interpersoais de seguridade.  Todo iso baixo un estrito paraugas dun protocolo Covid-19, de acordo coa normativa sanitaria vixente. 

As clases terán lugar entre as 12.00 e as 14.00  h segundo os grupos, e serán impartidas por monitores especialistas, cunha duración de 45 minutos por sesión de luns a venres, sempre coa presenza dun socorrista. O prezo do curso completo será de 28 €/alumno.   

O prazo de inscrición prolongarase desde o 15 ata o 28 de xullo, e aqueles interesados poderán deberán acudir ao Centro Deportivo de Carral, (tlfo. 678 33 88 47), ou en complejo.deportivo@carral.es.

En convenio cos Concellos de Oza-Cesuras e Coirós, Carral optou a unha subvención da Consellería de Emprego e Igualdade para poder ter o servizo dun Axente de Desenvolvemento Local en Carral que poida facilitar a implantación de políticas activas de emprego relacionadas coa creación da actividade empresarial.

O Concello de Oza-Cesuras, como promotor, publica as bases de contratación de persoal laboral temporal da praza de axente de Emprego e Desenvolvemento Local.

O servizo levarase a cabo nos tres Concellos, tendo tres sedes laborais, e en Carral realizarase dous días á semana.

As persoas interesadas terán que facer a solicitude de participación no proceso de contratación a través do Concello de Oza-Cesuras. Tamen tedes a posibilidade de entregar a documentación no Concello de Carral indicando, no rexistro, que vai dirixido ao Concello de Oza-Cesuras.

O Instituto Enerxético de Galicia, publica:

Axudas a proxectos de enerxía fotovoltaica: colocación de paneis solares e acondicionamento da enerxía eléctrica (monitorización, cableado, sistemas de acumulación, etc.). Esta liña de axudas está dirixida a autónomos, empresas e entidades sen ánimo de lucro.

Prazo: 16/07/2021 a 01/12/2021

Máis información no servizo de Medio Ambiente do Concello ou no teléfono 981 67 00 02.