Consorcio As Mariñas informa de diferentes medidas sobre a xestión de resiudos durante o estado de alarma:

  • Deberase continuar coa separación de residuos maioritarios en materia orgánica e inorgánica, xunto coas recollidas selectivas de papel-cartón, vidro, aceite e téxtil nos colectores correspondentes. Os residuos orgánicos e inorgánicos só poderán depositarse nunha bolsa pechada hermeticamente ou dobre bolsa de ser necesario para evitar roturas e perdas de residuos no colector ou no camión.
  • Prégase dentro do posible a máxima colaboración cidadá, para que os residuos estean no exterior o menos tempo posible, realizando o depósito no colector despois das 20.00 horas e evitando baixar as bolsas as vésperas de domingos e festivos.
  • Non está permitido o abandono de bolsas de lixo no chan, fora ou ao carón do colector, e con máis fundamento nesta etapa de alerta sanitaria.
  • No caso de material utilizado como protección, isto é, mascarillas, guantes de goma, etc e aínda máis no caso de que exista algún residuo procedente de sospeitoso por coronavirus, extremaranse as medidas de hixiene e limpeza, debendo usar ata unha triple bolsa hermética e pechada para conter eses residuos sospeitosos ou procedentes de atención a esas persoas, de xeito que se minimicen as posibilidades de contaxio ao resto de veciños e as persoal de recollida e limpeza. Depositaranse no contedor de inorgánico.
  • Os puntos limpos permanecerán pechados ata próximo aviso
  • Continúa a funcionar o servizo semanal de recollida de voluminosos, mobles ou entullos domésticos, pero o seu funcionamento é exclusivamente previo aviso telefónico ao 981795524, onde lle darán as indicacións oportunas. De ningún xeito se autoriza a depositar os residuos voluminosos a carón dos colectores sen previo aviso.

 

Un grupo de profesorado realizou un recurso educativo en galego na web no seguinte enlace
http://aulasgalegas.org/aulas-galegas-o-proxecto/

“Aulas galegas é un portal educativo realizado por un colectivo de profesoras e profesores sen ánimo de lucro que cremos que ante a situación de illamento provocada polo coronavirus Covid-19 debemos ofrecerlle unha axuda educativa á sociedade.

Aulas galegas nace para axudar o alumnado, as familias e o resto de profesorado a atopar recursos e materiais educativos en galego.

A vocación deste portal educativo non é substituír as indicacións educativas que o profesorado lle faga ao seu alumnado no ensino regrado nin o papel das administracións educativas.

A nosa intención é ser unha fonte de recursos que sume no panorama educativo galego.

Para o alumnado e as súas familias publicaremos cada día material clasificado por nivel académico e materia para as etapas de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato. Compartiremos contidos educativos de elaboración propia feitos especificamente para esta iniciativa e tamén outros que xa existen e que paga a pena divulgar.

Para o profesorado imos crear unha sección organizada por departamentos didácticos onde se poidan atopar páxinas doutro profesorado galego desas materias.

Estamos na casa pero non estamos parados.

A educación en galego continúa”.

 

ANUNCIO

No Boletín Oficial da Provincia da Coruña nº 51, do 16 de marzo de 2020, publicáronse as convocatorias do Concello de Carral para as seguintes axudas ou premios:

-Axudas ao estudo do Concello de Carral para estudantes para o curso 2019/2020

 

-XXIII Premio de Poesía Concello de Carral

 

A Disposición Adicional 3ª.1 do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 establece que “Se suspenden términos y se interrumpen los plazos para la tramitación de los procedimientos de las entidades del sector público. El cómputo de los plazos se reanudará en el momento en que pierda vigencia el presente real decreto o, en su caso, las prórrogas del mismo”.

 

En cumprimento do devandito precepto, os prazos e termos para a presentación de solicitudes en relación coas referidas convocatorias quedan respectivamente interrompidos e suspendidos e reanudaranse ou fixaranse de novo en canto sexa posible legalmente.

 

De todo isto dará conta no seu momento o Concello de Carral polos mesmos medios de publicidade establecidos nas respectivas bases reguladoras.

 

Carral, 18 de marzo de 2020

O ALCALDE

Francisco Javier Gestal Pose

29965_2020-3-18 CONCELLO DE CARRAL-Anuncio interrupción prazos premio poesía e axudas estudo.doc

 

 

Ante o estado de alarma, o Consorcio As Mariñas adoptou as seguintes medidas:

  • Os puntos limpos do Consorcio As Mariñas permanecerán pechados.
  • O punto limpo móbil tampouco sairá.
  • Mantéñense os servizos de recollida de residuos urbano en todas as súas fraccións, así como de mobles e enseres co fin de garantir a salubridade e o benestar dos veciños e veciñas.

Así mesmo, o Consorcio solicita aos cidadáns e cidadás o seguinte:

  • O cumprimento do horario habitual para tirar o lixo (a partir das 22.00 horas) e que extremen as seguintes condutas cívicas: tirar o lixo dentro do colector, absterse a baixar mobles e outros enseres sen aviso previo/previo aviso e non saturar os contedores con residuos non aptos como, por exemplo, podas.

As oficinas de atención ao público do Consorcio As Mariñas estarán pechadas ata novo aviso. Os prazos para a tramitación de procedementos quedan, ademais, interrompidos:

  • O teléfono 981 78 47 04 está dispoñible para consultas indispensables. A través deste número, daráselle aos veciños e veciñas as instrucións precisas.
  • Así mesmo, todas as consultas realizaranse, preferiblemente, por correo electrónico:

– Relacionadas coa taxa de lixos (altas, baixas, modificacións, etc.): registro@consorcioam.org.

– Propias de medioambiente (incidencias sobre recollida de lixo, problemas con contedores, etc.): medioambiente@consorcioam.org.

– Propias do Plan Coordinador de Servizos Sociais: gabinetepc@consorcioam.org ou ben asesoriapc@consorcioam.org.

– Para outras consultas de administración xeral: info@consorcioam.org.

– Para presentar solicitudes ou calquera documentación poderá facerse a través da sede electrónica, á que se poderá acceder a través da web do Consorcio.

Ante o estado de alarma decretado polo Goberno do Estado, o Concello de Carral adoptou diferentes medidas para reforzar as prestacións que se dan desde o departamento de Servizos Sociais. Con este protocolo, o goberno local busca evitar contaxios polo novo coronavirus, sen deixar de garantir “servizos necesarios para os veciños e veciñas do municipio que se atopan en situación de maior vulnerabilidade”.

Por un lado, o departamento de Servizos Sociais do Concello contactou con todos os veciños e veciñas inscritos no programa de Axuda Alimentaria para facer un reparto de alimentos. Algúns carraleses e carralesas recolleron presencialmente o seu lote de alimentos. Noutros casos nos que os usuarios e usuarias non podían acudir presencialmente, o reparto fíxose a domicilio. Desde o goberno local sinalan que “a despensa municipal conta con alimentos de reserva que se empregarán en casos de urxencia e faranse os repartos necesarios baixo demanda”. En todo caso, sinala o goberno, “serán os servizos técnicos municipais os que valoren esta urxencia”.

Por outro lado, o Servizo de Axuda no Fogar seguirá funcionando co fin de garantir unha “prestación fundamental para os veciños e veciñas maiores ou dependentes que viven sós ou soas”. Esta prestación deixará de realizarse, unicamente, nos seguintes supostos: en caso de o usuario ou usuaria solicite a cancelación deste servizo ou no caso de que o veciño ou veciña conte co apoio dunha 3º persoa que se poida facer cargo do seu coidado.

Desde o equipo de goberno fan un chamamento aos cidadáns e cidadás de Carral: “se algunha persoa é coñecedora de que un veciño ou veciña precisa dalgún tipo de axuda para adquirir produtos de primeira necesidade, medicinas ou cita médica, pode chamar ao Concello ou a Servizos Sociais”. Por exemplo, un membro do goberno local fíxolle hoxe a compra a unha veciña do municipio que vivía soa no seu domicilio. Neste tipo de situacións, os carraleses e carralesas poderán chamar ao 981 67 00 02 (Concello de Carral) ou ao 981 61 35 20 (Servizos Sociais).

Os veciños e veciñas que precisen máis información ou que teñan calquera dúbida poderán contactar co departamento de Servizos Sociais a través do teléfono 981 61 35 20. O horario de atención veuse reforzado, e será de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.

Os concelleiros e concelleiras do goberno local agradecen o esforzo que están realizando desde o departamento de Servizos Sociais, así como a súa impicación e axilización no reparto dos alimentos do programa de Axuda Alimentaria.

Peche das instalacións municipais

Co fin de previr posibles contaxios, o Concello pechou as instalacións municipais. Só se atenderán presencialmente os casos urxentes –para fixar unha cita, os veciños e veciñas deberán chamar ao Concello-.

O goberno local solicita a colaboración de “toda a veciñanza para recuperar, canto antes, a normalidade”. Neste sentido, pídelles aos carraleses e carralesas que eviten saír das súas casas –agás para o estritamente necesario- e que cumpran coas indicacións e directrices da Xunta de Galicia, do Goberno de Estado e do Concello.

Por mor da situación provocada polo coronavirus, e atendendo á D.A. 3ª.3 do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 “1. Suspéndense termos e interrómpense os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. O cómputo dos prazos reanudarase no momento no que perda vixencia o presente real decreto ou, no seu caso, as prórrogas do mesmo.”
Isto supón que a data para presentar obras ampliarase máis alá do 3 abril do 2020 fixado actualmente nas bases, notificándose a nova data límite no momento en que perda vixencia a norma citada. Asemade, a data prevista para a entrega do premio e presentación do libro gañador na anterior edición, tamén se ve afectada por esta situación, notificándose no momento oportuno a nova data para levar a cabo devandito acto.

Logo de ditarse o meu decreto do 13 de marzo para a adopción de medidas do Concello de Carral en relación coa emerxencia de saúde pública causada polo virus COVID-19.

Logo de ver o Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 e, en especial, o establecido no seu artigo 7 con respecto á limitación da liberdade de circulación das persoas, a necesidade imperiosa de que as persoas permanezan nos seus domicilios, salvo algunha das causas excepcionais establecidas nese precepto, e o feito de que, pola súa disposición adicional terceira “Se suspenden términos y se interrumpen los plazos para la tramitación de los procedimientos de las entidades del sector público. El cómputo de los plazos se reanudará en el momento en que pierda vigencia el presente real decreto o, en su caso, las prórrogas del mismo.”.

Tendo en conta por todo iso que, neste momento de emerxencia de saúde se ha de primar a loita contra a propagación do COVID-19 sobre calquera outra consideración, sen prexuízo da prestación dos servizos públicos, sempre que sexa viable a por medios non presenciais.

Sendo por tanto necesario que o Concello de Carral adopte no seu territorio as medidas que, dentro do seu ámbito de competencias, contribúan no devandito senso e, en uso das atribucións que me confere o artigo 21.1.da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local,

 

R E S O L V O

1.- Reiterar, até novo aviso,  as cancelacións e suspensións de actividades organizadas polo Concello de Carral  indicadas nos puntos 1 a 3 do meu decreto do 13 de marzo de 2020, o peche das instalación municipais indicadas no punto 4 de tal decreto e a suspensión de feiras/mercados organizadas polo Concello de Carral.

2.- Indicar á cidadanía que, até novo aviso, permanecerán pechados ao público a Casa do Concello, o Edificio Toñito Espiñeira (departamento de Servizos Sociais do Concello) e a Casa da Cultura:

Atenderase aos veciños por medios telefónicos e telemáticos, por medio de teletraballo:

Teléfono da Casa do Concello: 981 670 002

Correo electrónico: correo@carral.es

Sede electrónica:  http://sede.carral.es

Teléfono dos Servizos Sociais: 981 613 520

Correo electrónico: serviciossociales@carral.es

Teléfono da Casa da Cultura: 981 672 580

3.- A  Policía Local e o Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil prestarán os seus servizos de xeito ordinario, baixo as instrucións do Ministerio de Interior do Goberno de España.

4.-Todo o persoal municipal que non preste servizos dun modo presencial deberá prestalos polos medios de teletraballo organizados polo Concello, no seu horario ordinario, e estar dispoñible coa finalidade de prestar servizo ou reemplazar aos compañeiros cando fosen requiridos.

5.- Quedan suspendidas, ata que cambie a situación, as sesións ordinarias dos órganos colexiados municipais (Xunta de Goberno Local, Pleno da Corporación, Comisións Informativas).

6.- Este decreto entrará en vigor dende a súa emisión e manterá a súa vixencia até novo aviso, en función das directrices que emitan as autoridades sanitarias e demais competentes segundo a evolución da situación.

7.- Comunicar este decreto aos servizos municipais (que haberán de transmitilo, pola súa banda, aos diferentes prestadores dos servizos afectados), e publicalo na páxina web do Concello de Carral, no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e difundilo  entre a poboación do municipio.

Carral, 16 de marzo de 2020

O ALCALDE

Francisco Javier Gestal Pose

 

DECRETO 112-2020 Medidas COVID19 (2º decreto)

SANIDADE: Dende O Centro de Saúde de Carral comunícaselles que quede suspendida toda actividade programada: non se farán analíticas, non se farán controis. Antes de acudir ao centro de saúde, comuníquense por teléfono. E por favor, se non é extrictamente necesario a consulta quédese na súa casa. #quédatenacasa #polasaúdedetod@s

Logo de ver a declaración por parte da Organización Mundial da Saúde (OMS) da emerxencia de saúde pública de importancia internacional relacionada coa proliferación do virus COVID-19  e as recomendacións e medidas adoptadas polo Ministerio de Sanidade do Goberno de España e pola Xunta de Galicia.

Tendo en conta que a OMS lembra a todos os países e comunidades que China e outros países están a demostrar que a propagación do virus se puede frear e que o seu impacto se puede reducir a través dunha serie de medidas universalmente aplicables que supoñen, entre outras cosas, a colaboración do conxunto da sociedade.

Sendo por tanto necesario que o Concello de Carral adopte no seu territorio as medidas que, dentro do seu ámbito de competencias, contribúan no devandito senso e, en uso das atribucións que me confere o artigo 21.1.da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, esta Alcaldía do Concello de Carral, con data do 13 de marzo de 2020, ditou decreto resolvendo o seguinte:

1.-Cancelar, ata novo aviso,  todas as actividades culturais, deportivas e xuvenís organizadas polo Concello de Carral (entre outras, o Ciclo de cine, a exposición ‘Galicia escandinava’, as clases de teares e tapices, contacontos e similares).

2.-Cancelar, ata novo aviso, as actividades, campionatos e certames deportivos organizados polo Concello de Carral.

3.-Suspender as actividades organizadas polo departamento municipal de Servizos Sociais para o mes de marzo: Obradoiro ‘Plastilina Galáctica’ -previsto para o 17 de marzo- e obradoiro grupal para familias de persoas con demencia -que estaba previsto os días 24, 25 e 26 de marzo-.

4.-Pechar ao público as seguintes instalacións de titularidade do Concello de Carral: Bibliotecas, colección visitable do Castro das Travesas, Casa da Cultura, Local Interxeracional, Local de ensaio, centros sociais das parroquias, Complexo Deportivo de Carral, pavillóns e campos de fútbol do municipio e demais instalación deportivas municipais.

Este peche ao público afectará a calquera outra instalación xestionada polo Concello de Carral análoga ás anteriores e nas que se celebran actividades abertas ao público, agás as dependencias administrativas.

Os diferentes servizos municipais determinarán a forma de prestación dos servizos públicos de carácter esencial afectados polo peche das instalacións indicadas nesta resolución.

5.- Suspender as feiras/mercados organizadas polo Concello de Carral.

6.- Indicar á cidadanía que a Casa do Concello permanecerá aberta, mais sometida ao seguinte réxime de atención ao público:

a).- Atenderase aos veciños de forma presencial só nos casos urxentes e de especial necesidade. A tales efectos, deberán dirixirse ao mostrador da entrada da Casa do Concello, no que lles indicarán, no seu caso, a que dependencias municipais haberán de dirixirse.

b).-Instar á veciñanza ao uso preferente de medios telefónicos e telemáticos para as súas solicitudes e xestións que non requiran a súa presencia física inexcusable na Casa do Concello:

Teléfono da Casa do Concello: 981 670 002

Correo electrónico: correo@carral.es

Sede electrónica:  http://sede.carral.es

7.- Indicar á cidadanía que no departamento de Servizos Sociais do Concello (Edificio Toñito Espiñeira) só se atenderán de xeito presencial citas de carácter urxente, e que o resto das citas se atenderán por vía telefónica ou a través de correo electrónico:

Teléfono dos Servizos Sociais: 981 613 520

Correo electrónico: serviciossociales@carral.es

 8.- Establecer as seguintes medidas en relación co Servizo de Axuda no Fogar (SAF):

a).- Os/as traballadores/as que prestan o SAF deixarán de acudir ás vivendas nas que a súa función se reduza á realización de tarefas domésticas.

b).- Reduciranse  e/ou eliminaranse as visitas dos/as traballadores/as do SAF aos domicilios dos/as  usuarios/as que conten co apoio de terceiras persoas que se poidan facer cargo do seu coidado.

c).-O Servizo de Axuda no Fogar seguirase prestando con normalidade nos casos de urxencia e/ou especial necesidade, que virá determinada, en todo caso, polas técnicas de Servizos Sociais do Concello.

9.- Instar á cidadanía a manter a calma e a exercer a responsabilidade individual e colectiva, lembrándolles que a solución desta emerxencia de saúde pública nos incumbe a todos/as.

Neste sentido, instar á veciñanza de Carral a seguir as recomendacións das autoridades sanitarias da Xunta de Galicia e do Goberno de España que se realicen polos cauces oficiais, e a non deixarse influír por bulos ou falsas novas transmitidas polas redes sociais ou outros medios non fiables, e a evitar a súa diseminación.

En especial, lembrar:

a).-Que a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia aconsella empregar o número de teléfono gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus, e teléfono 061 só para emerxencias ou casos graves.

b).- Que o Ministerio de Sanidade do Goberno de España recomenda, para protexerse do COVID-19 e doutros virus respiratorios:

-Lavarse as mans con frecuencia.

-Ao tusir ou estornudar, cubrirse a boca e o nariz co codo flexionado.

-Evitar tocarse os ollos, o nariz e a boca, xa que as mans facilitan a súa transmisión.

-Usar pañuelos desbotables para eliminar secrecións respiratorias e tiralos tras do seu uso.

-Evitar, no posible, o contacto cercano con outras persoas, particularmente se se presentan síntomas respiratorios, así coma a asistencia a lugares concorridos.

c).- Que o Concello de Carral  informará en  todo momento sobre canto poida interesar á veciñanza en relación co alcance das medidas adoptadas e as súas  posibles modificacións, e insistir en  que  todas estas medidas  son  de  carácter preventivo, e na importancia  de  manter en  todo momento a calma, actuando con mesura e responsabilidade nas nosas rutinas e hábitos.

10.- Este decreto entrará en vigor dende a súa emisión e manterá a súa vixencia até novo aviso, en función das directrices que emitan as autoridades sanitarias segundo a evolución da situación.

11.- Comunicar este decreto aos servizos municipais (que haberán de transmitilo, pola súa banda, aos diferentes prestadores dos servizos afectados), e publicalo na páxina web do Concello de Carral, no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e difundilo mediante un bando entre a poboación do municipio.

 

2020-3-13 BANDO COVID 19 (web)

Secretaría Xeral de Política Lingüistica da Xunta de Galicia publica unha nova convocatoria de probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4) para este ano 2020.

As probas realizaranse nos meses de maio e/ou xuño do 2020 en Santiago de Compostela e Ponferrada. As datas concretas publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

Se precisades máis información podedes consultar no DOG do 12/03/2020.

Convocatoria das probas para a obtención dos certificados de lingua galega