Carral vivirá un mes de setembro cheo de risas e humor. Todo grazas aos Venres de Monólogo que traerán, entre o 14 e o 28 de setembro a tres monologuistas que arrincarán, sen dúbida, as gargalladas do público carralés.
A primeira actuación terá lugar o venres 14 de setembro, no edificio social Toñito Espiñeira ás 21.00 horas. Pedro Brandariz será o encargado de romper o xeo co seu espectáculo Technologies, unha peza humorística na que o autor abordará a vertixinosa evolución das tecnoloxías cotiás.
Caxoto tomará o relevo a Brandariz tan só unha semana despois co seu espectáculo Que morro!!!, un percorrido polas fontes da tradición oral, a historia e a literatura de Galicia.
Por último, humorista Tito Rober será o encargado de poñer o broche final ao ciclo de monólogos carralés. Farao con Vida e miragres do zume de laranxa.
Todas as actuacións terán lugar no edificio social Toñito Espiñeira ás 21.00 horas. A entrada é libre ata completar o aforamento, e non se permitirá o acceso unha vez que comece a función.
Noite de cinema no Campo da Feira
En paralelo ao ciclo de monólogos, Carral organizará este sábado, 15 de setembro, a proxección da película Pérez, o ratiño dos teus soños. Este filme, que recibiu o Goya como Mellor Película de Animación, é apta para todos os públicos. Esta actividade forma parte do programa de dinamización lingüística Redecinema 2018, impulsado pola Secretaria Xeral de Política Lingüística. A proxección terá lugar ás 21.00 horas no Campo da Feira de Carral, e no caso de que chova, trasladarase ao Toñito Espiñeira.
O sábado 15 de setembro terá lugar a proxección do filme Pérez, o ratiño dos teus soños