XURXO ALONSA RECIBIRÁ ESTE VENRES O PREMIO CONCELLO DE CARRAL DE POESÍA
A Casa da Cultura de Carral acollerá este venres, ás 20:00 h, o acto do 22º Certame de Poesía Concello de Carral, no que se lle entregará o premio a Xurxo Alonso por gañar esta edición co seu libro En luz escrita, e no que tamén se presentará a publicación do libro gañador do ano pasado, As bicis de Xabier Cid.
O acto estará presidido polo alcalde en funcións José Luis Fernández Mouriño, e contará tamén coa participación do director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, do escritor e editor Miguel Anxo Fernán Vello, e de Inma Otero, membro do xurado da presente edición.
Teatro do Atlántico pechará o acto co espectáculo poético musical De abrentes e ocasos, facendo un percorrido por poemas dalgúns dos nosos autores e autoras galegas máis significativas, coa música en directo ao piano de Nani García.
Como en edicións anteriores deste premio, o Concello de Carral, grazas á colaboración da Xunta de Galicia, agasalla aos asistentes o libro que se presenta. Nesta ocasión Xabier Cid poderá dedicarllo aos participantes no acto.
Nesta semana tamén se están facendo os actos de entrega dos premios dos concurso escolar e xuvenil de poesía, no que se presentaron un total de 28 obras. Os actos estanse a facer nos centros de ensino, no que se premian os tres mellores poemas de cada categoría e no que se fai entrega a todos os participantes de agasallos consistentes en libros e discos cedidos pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e do propio Concello de Carral.