CARRAL ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA AS ESCOLAS MUNICIPAIS, OFRECENDO 40 PROPOSTAS PARA TODAS AS IDADES

Folleto Escolas 22-23     BOLETÍN DE INSCRICIÓN

O Concello abrirá mañá, luns, 5 de setembro, o prazo de inscrición para as súas Escolas Municipais, ofrecendo unhas 40 actividades. Nesta edición, o programa inclúe propostas deportivas, culturais, educativas, de Servizos Sociais e algunhas organizadas polas asociacións e clubs do municipio. Desde o goberno local sinalan que se trata dunha oferta “completa e que conta con iniciativas para os veciños e veciñas de todas as idades coa que se busca, entre outros obxectivos, promover a conciliación da vida laboral e familiar”.

Como novidade con respecto a outros anos, o Concello inclúe, nesta ocasión, as diversas iniciativas culturais e deportivas que levan a cabo as entidades do municipio. Con isto conséguese, non só ampliar o listado de actividades, senón tamén pór en valor e impulsar o labor que realiza o tecido asociativo de Carral. A maiores, por primeira vez, o centro de formación Antón Fraguas acollerá a Escola Municipal de Música, con clases para aprender a tocar os seguintes instrumentos: piano, guitarra, batería, baixo, contrabaixo, violonchelo, violín, frauta, clarinete, trompeta e saxo.

A convocatoria incorpora as seguintes actividades:

  • Atletismo escolar: para nenos e nenas a partir de 4 anos
  • Ximnasia rítmica escolar: para nados no 2018 e anteriores
  • Patinaxe escolar: a partir dos 4 anos
  • Judo: a partir dos 4 anos
  • Judo (Tabeaio): a partir dos 4 anos e tamén para adultos
  • Baloncesto: a partir dos 6 anos
  • Tiro con arco: a partir de 6 anos e para adultos
  • Equitación: a partir de 7 anos e para adultos
  • Pádel: a partir de 8 anos
  • Tiro Olímpico: a partir de 8 anos e para adultos
  • Zumba: a partir de 12 anos
  • Ioga: a partir de 14 anos
  • Jumping fítness: a partir de 14 anos
  • Teares e tapices
  • Obradoiros culturais
  • Actividades escolares: servizo de madrugadores e concilia día a día, robótica, debuxo e pintura, fun english, música e movemento, baile moderno, informática, cociña divertida e ciencia divertida.
  • Escola municipal de música
  • Ximnasia de mantemento en Carral
  • Ximnasia de mantemento nas parroquias
  • Fútbol sala e balonmán coa U.D. Carral
  • Bailes latinos, cociña e repostería, costura para principiantes e calceta e gancho coa asociación de Mulleres Rurais.
  • Baile tradicional e pandeireta e teatro coa AA.VV. O Rueiro de Tabeaio.
  • Escola de música da man da asociación Cultura Aberta de Carral.

As persoas interesadas deberán presentar a solicitude cuberta e asinada, preferiblemente, de xeito telemático a través do correo casadacultura@carral.es ou da sede electrónica carral.es. Así mesmo, poderanse presentar de xeito presencial na Casa da Cultura ou no Complexo Deportivo. O prazo de solicitude estará aberto desde mañá, 5 de setembro ás 9.00 horas, ata o día 23. As actividades comezarán na primeira semana de outubro.