O departamento de Cultura do Concello de Carral ven de facer público o informe de avaliación da súa programación de actividades do 2020. Evidentemente os índices de asistencia víronse diminuídos pola pandemia, mais o compromiso adquirido para evitar cancelar actividades culturais púidose manter con case a totalidade da programación.

O informe lanza varias conclusións entre as que salientan que a tendencia ascendente dos niveis xerais de asistencia que se viñan producindo ata o 2019, viuse modificada pola pandemia do Covid-19, aínda que cunha redución moito menor (31%) do que podería ser previsible; que a festa do Entroido foi o evento con maior participación de público; que a metade das actividades ofertadas foron de artes escénicas e de audiovisuais; que as actividades infantís notaron un gran descenso de público; e que o último cuadrimestre concentrou tres cuartas partes da programación.

No pasado ano fixéronse por primeira vez varias accións de xeito on line, como foi un contacontos, obradoiros de macramé ou de cabazas de Samaín, un concerto, así como a emisión da xornada sobre os certames galegos de poesía.

A avaliación recolle tamén novos indicadores para valorar os obxectivos do departamento. Así, aplicouse unha clasificación ás actividades segundo o seu nivel de promoción da igualdade de xénero, obtendo niveis satisfactorios, aínda que con marxe de mellora.

As limitacións dos aforos impediu obter mellores cifras de espectadores. Aínda así, o departamento de Cultura maniféstase moi satisfeito polos niveis de asistencia de público. O compromiso adquirido no pasado abril polo Concello de Carral coa cultura, supuxo buscar novas fórmulas na oferta local, adoptando en todas as actividades estritas medidas sanitarias que garantisen a seguridade do público ante o Covid-19. A inquedanza sempre foi a saúde das persoas participantes e que o sector cultural se vira afectado o menos posible pola pandemia.

Abrir o informe de avaliación da programación cultural 2020

A pandemia esta a cambiar as nosas vidas e o Entroido e outra das nosas representacións culturais que se vai ver afectado.

Desde a Concellería de Cultura non queremos que unha das nosas tradicións máis arraigadas quede este ano no esquecemento. E para iso organizase desde este departamento un concurso “virtual” aos mellores disfraces choqueiros deste Entroido 2021 de Carral.

Para participar tes que enviarnos unha imaxe disfrazado/a de choqueiro/a a cultura@carral.es ou un whatsapp ó 674 793 475. indicando o título, un teléfono de contacto, e o nome, apelidos e idade de todos/as os/as participantes que aparecen nela.

Poderán participar todas aquelas persoas residentes no concello de Carral. Os menores de idade que participen no concurso deberán enviar a correspondente autorización, que atoparedes premendo aquí.

A participación pode ser individual ou grupal, e sempre respectando as restricións actuais pola Covid-19, polo que na imaxe só poden aparecer persoas convivintes.

Deberase detallar ademais, que é actual e do ano en curso, mediante algún elemento visible na propia imaxe (calendario, papel coa data, etc.), e non se admitirán aquelas nas que se promovan mensaxes violentas, sexistas, denigrantes ou ofensivas.

O derradeiro día para participar será o 17 de febreiro de 2021. A organización comprobará que se compren os requisitos e validará a inscrición a través dun correo electrónico coa confirmación.

O concurso establece un premio para os tres mellores imaxes, e un agasallo para todos/as os participantes. A Concellería de Cultura valorará a orixinalidade, creatividade, o aproveitamento de elementos ou accesorios usados ou creados por vos mesmos e que poñan en valor o verdadeiro e tradicional espírito choqueiro.

Todas as pezas admitidas subiranse ao Facebook de Cultura do Concello de Carral e á web municipal. Os/as participantes no concurso e os seus representantes legais, consenten automaticamente ao participar, a utilización e publicación, por parte da organización, das imaxes en calquera tipo de medio así coma a publicidade, promoción e aceptación das bases do concurso.

Para mais información podes chamar á Casa da Cultura ó 981 672 580.

O Concello de Carral investirá 112.406 euros procedentes do Plan Único reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), emerxencia social e a contratar máis persoal para o departamento de Servizos Sociais. O obxectivo desta proposta non é outro que “aumentar as partidas de gastos sociais para facer fronte á situación derivada da pandemia da covid-19”, tal e como explican desde o goberno local. Este punto foi aprobado por unanimidade dos votos da corporación municipal.

Así mesmo, a sesión plenaria serviu para dar luz verde, tamén por unanimidade, ao Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña. Con cargo ao plan provincial, o goberno local propuxo dedicar preto de 400.000 euros á execución de varios proxectos que supoñerán unha mellora considerable nos servizos e infraestruturas para os veciños e veciñas. En concreto, as intervencións expostas polo Concello foron as seguintes: instalación de iluminación con tecnoloxía LED na DP-1704 (33.466,70 euros), ampliación do Centro Deportivo (189.950,01 euros), reforma interior do polideportivo do Vicente Otero (137.991,95 euros) e mellora da capa de rodadura nunha estrada de Tabeaio (35.327,80 euros).

Plan Complementario

O Plan Complementario inclúe, ademais, as seguintes intervencións: o reforzo do firme e a canalización da drenaxe de augas pluviais na estrada que une a DP-1704 con Soavila ( Cañás), a rehabilitación da pista polideportiva de Tabeaio e espazos anexos, a mellora da capa de rodadura en vías de Paleo e Beira, a humanización e mellora da rúa Paleo –fronte ao centro médico- e a mellora e humanización da rúa Río Canle. Estas actuacións contan cunha asignación de 303.000 euros.

Plan de Prevención contra vos Incendios

O pleno aprobou, de forma provisional, o Plan Municipal de Prevención contra vos Incendios Forestais, que non recibiu ningunha alegación durante o período de información pública. Neste documento, delimítanse as zonas con maior risco, perigo ou vulnerabilidade ante un incendio para unha maior prevención. A proposta foi aprobada por unanimidade dos votos.

Entre o 4 e o 24 de febreiro está aberto o prazo para inscribirse nos cursos preparatorios para a obtención das certificacións de lingua galega Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4.

Para a área de Carral a oferta dispoñible é a seguinte:

– Presencial ….. Celga 4: Escola Oficial de Idiomas da Coruña

– Teleformación:

– 3 cursos a nivel Galicia ………. Celga 1

– 1 curso a nivel A Coruña ……. Celga 2

– 2 cursos a nivel A Coruña ….. Celga 3

– 5 cursos a nivel A Coruña ….. Celga 4

Máis información no Portal da Lingua Galega –https://www.lingua.gal– ou no Servizo Municipal de Normalización Lingüística (Casa da Cultura – 981 672 580).

O Concello de Carral celebrará este xoves, 4 de febreiro, un pleno extraordinario con carácter ordinario para dar luz verde ao Plan Único da Deputación da Coruña. Con cargo ao plan provincial, o goberno local propón dedicar preto de 400.000 euros á execución de varios proxectos que supoñerán unha mellora considerable nos servizos e infraestruturas para os veciños e veciñas. En concreto, as intervencións que o Concello prevé executar serán as seguintes: instalación de iluminación con tecnoloxía LED na DP-1704 (33.466,70 euros), ampliación do Centro Deportivo (189.950,01 euros), reforma interior do polideportivo do Vicente Otero (137.991,95 euros) e mellora da capa de rodadura nunha estrada de Tabeaio (35.327,80 euros).

En palabras do goberno local, “o obxectivo é seguir mellorando os servizos e dotacións dos carraleses e carralesas”. Baixo esta premisa, o executivo prevé a execución de dous proxectos que mellorarán as instalacións deportivas. Por unha banda, a ampliación do Centro Deportivo e, polo outro, a reforma interior do polideportivo do CEIP Vicente Otero Valcárcel.

Mellora das instalacións deportivas

Ata o de agora, a dependencia dispoñía dunha única aula para o desenvolvemento das actividades o que, tal e como explican desde o equipo de goberno, “dificultaba o uso desta dependencia por parte dos veciños e veciñas tendo en conta as restricións sanitarias actuais pola covid-19”. As actuacións do Concello supoñerán o incremento do espazo, a creación dunha zona de almacén e a colocación de renovadores de aire e climatización adaptados á instalación nos vestiarios. Estas intervencións implicarán, ademais, a recolocación do acceso ás pistas de pádel e a rehabilitación e acondicionamento da pista multideporte actual.

No caso do polideportivo do colexio, as obras consistirán na substitución do pavimento actual, na creación dun almacén e na reforma dos vestiarios.

A intención do goberno local é completar estes traballos coa instalación dun montacargas no polideportivo que favoreza a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida.

Plan Complementario

A maiores, levará a pleno a aprobación do Plan Complementario provincial, no que o Concello incluíu cinco proxectos: o reforzo do firme e a canalización da drenaxe de augas pluviais na estrada que une a DP-1704 con Soavila (Cañás), a rehabilitación da pista polideportiva de Tabeaio e espazos anexos, a mellora da capa de rodadura en vías de Paleo e Beira, a humanización e mellora da rúa Paleo –fronte ao centro médico- e a mellora e humanización da rúa Río Canle. Estas actuacións contan cunha asignación de 303.000 euros.

O taller, que desenvolve a entidade cultural BenCuriosa, está especialmente pensado para as persoas vinculadas a asociacións e colectivos do concello.

O vindeiro 3 de marzo comeza o obradoiro Construímos un relato. Un taller que se desenvolverá integramente en liña e que ten como obxectivo facilitar un contexto de experimentación en equipo en torno á creación de contidos dixitais vinculados ao territorio e á súa veciñanza.

O obradoiro, que se inclúe no proxecto Laboratorios Dixitais de Creación Dixital, conta con financiamento da Deputación da Coruña e a colaboración da área de Cultura do Concello, e é de carácter gratuíto.

Está especialmente pensado para persoas vinculadas ao tecido asociativo de Carral con interese por incorporar as posibilidades que ofrecen as canles e ferramentas dixitais ás súas entidades.

Construímos un relato ten como obxectivo que as participantes xeren contidos dixitais a partir de coñecementos, vivencias, patrimonio, veciñanza… do territorio, explorando as posibilidades que ofrecen os formatos interactivos e desenvolvendo un proxecto en común.

O obradoiro ten un enfoque práctico e combinará pequenos contidos teóricos cun acompañamento  no desenvolvemento do proxecto con tres sesións en liña ás 18:30, os días 3, 10 e 24 de marzo.

Ten un máximo de 20 prazas que se adxudicarán por un criterio estritamente cronolóxico. As persoas interesadas en participar deben cumprimentar este formulario antes do 12 de febreiro.

Acción de guerrilla: crea a túa contracampaña publicitaria!

Os Laboratorios Itinerantes que desenvolve BenCuriosa ofrecen un segundo obradoiro, neste caso non só en Carral, senón que é común a todos os concellos da provincia da Coruña que participan no proxecto.

Trátase de Acción de guerrilla: crea a túa contracampaña publicitaria!,  unha proposta facilitada pola produtora creativa Illa Bufarda, especialmente dirixida a persoas e entidades con espírito crítico e activista, vinculadas á sensibilización ou defensa de colectivos, espazos e contextos vulnerables.

Este obradoiro ten como obxectivo que as participantes  acaden -e poñan en práctica, a través dunha acción colectiva- os coñecementos e destrezas necesarios para desenvolver unha campaña (de comunicación, divulgación, concienciación,…) en base aos criterios da contrapublicidade.

Para isto combinará dúas sesión en liña de 45’ de duración e contidos teóricos en formatos sinxelos audiovisuais, así como propostas prácticas.  As participantes contarán co apoio e titorización da equipa de Illa Bufarda en todo o proceso. As datas das sesións en liña serán o 4 e o 25 de marzo ambas ás 18:30.

Igual que no caso anterior, o obradoiro ten un máximo de 20 prazas que se adxudicarán por un criterio estritamente cronolóxico. As persoas interesadas en participar deben cumprimentar este formulario antes do 12 de febreiro.

É posible inscribirse nos dous obradoiros. Se quixerades máis información, podedes dirixirvos a ola@bencuriosa.gal, onde vos aclararán o que precisedes.

Preme aquí para descargar máis información.

DECRETO DA ALCALDÍA

ASUNTO: SUSPENSIÓN DOS MERCADOS TRADICIONAIS QUE DESENVOLVEN A SÚA ACTIVIDADE AO AIRE LIBRE OU DE VENDA NON SEDENTARIA NA VÍA PÚBLICA (FEIRA OU MERCADILLO) NO CONCELLO DE CARRAL DENDE A DATA (28 DE XANEIRO DE 2021)

EXPEDIENTE: 2021/G003/000049
Logo de ver o decreto 8/2021 da Presidencia da Xunta de Galicia, do 26 de xaneiro (publicado no DOG 16-bis, do 26 de xaneiro de 2021), polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Logo de ver a evolución negativa da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia expresada no referido decreto e, en particular, a correspondente ao municipio de Carral e, tendo en conta que, segundo a devandita autoridade competente delegada, cómpre a adopción de novas medidas de restrición da mobilidade para controlar a transmisión da enfermidade e conter a irradiación a outros lugares limítrofes dos correspondentes ámbitos territoriais delimitados, así coma a limitación de
aglomeracións de persoas non convivintes en espazos de uso público e privado.

Tendo en conta que o interese prioritario desta Alcaldía (sen prexuízo do indicado na orde da Consellería de Sanidade do 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia) é a saúde da veciñanza de Carral e contribuir, no que estea dentro das competencias municipais, á adopción de medidas que eviten a propagación da doenza e contribúan á súa contención, até que mellore a situación epidemiolóxica.

Sendo por tanto necesario que o Concello de Carral adopte no seu territorio as medidas que, dentro do seu ámbito de competencias, contribúan no devandito senso e, en uso das atribucións que me confere o artigo
21.1. da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (en especial a súa letra m)),

R E S O L V O

1.-Suspender, até novo aviso, a realización dos mercados tradicionais que desenvolven a súa actividade ao aire libre ou de venda non sedentaria na vía pública (feira ou mercadillo), dende a data ( de xeito que o
previsto para o domingo 31 de xaneiro de 2021 xa non se realizará).

2.- Este decreto entrará en vigor dende a súa emisión e manterá a súa vixencia até novo aviso, en función das directrices que emitan as autoridades sanitarias e demais competentes segundo a evolución da
situación.

3.- Comunicar este decreto aos departamentos municipais de Sanidade e Comercio, e publicalo na páxina
web do Concello de Carral, no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e difundilo entre a poboación do
municipio.

Carral, na data de sinatura dixital que figura á marxe
O ALCALDE
Francisco Javier Gestal Pose


O departamento de Cultura do Concello de Carral, ven de convocar unha nova edición do seu certame de poesía, que está dotado con 2500 euros e a publicación do libro gañador en Edicións Espiral Maior.

Neste ano 2021 chégase ás 24 edicións, sendo un dos concursos de referencia no ámbito da poesía galega.

A nova edición do premio fixa un prazo para presentar exemplares aberto ata o 31 de marzo. Poderán presentar obras os autores e autoras maiores de idade, con poemarios cun mínimo de 500 versos escritos en lingua galega.

O premio entregarase o 28 de maio, dentro dos actos das Letras Galegas en Carral, no que ademais se prevé a presentación da edición do libro gañador da vixésima terceira edición do concurso, titulado Nas pulsacións de Manuel López Rodríguez.

Para ampliar información, as persoas interesadas poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral, no teléfono 981 672580, no correo electrónico cultura@carral.es ou a través da web carral.es.

O departamento de Cultura ven de facer público o informe de avaliación do ciclo Teatro de Outono de Carral. Este tipo de documentos realízanse co fin de valorar o deseño e execución dos principais eventos da programación cultural municipal, dentro do proceso de mellora continua que ten establecido o servizo de Cultura.

O informe, elaborado polo técnico municipal de Cultura, Carlos Lorenzo, recolle os principais datos obtidos das enquisas que atenderon as persoas que asistiron aos espectáculos, así como outros datos manexados na xestión do programa teatral.

Entre as conclusións máis salientables están as de que a puntuación media concedida ás obras polo público foi de 4,2 sobre un máximo de 5 puntos; que houbo un alto índice de asistencia, as mulleres son maioritarias entre o público; 6 das 8 funcións encheron o aforo dispoñible; ou que o Facebook e a web municipal foron os medio máis efectivos para dar a coñecer a programación.

Ao informe pódese acceder premendo aquí.

O Local Xente Nova de Tabeaio acollerá un concerto infantil a cargo de Xabi Longueirón o sábado 26 de decembro ás 17:00 h.

Xabi Longueirón, que é mestre no colexio Vicente Otero, conta cun interesante e exitoso repertorio de música infantil, que o ofrecerá ás nenas e nenos de Carral.

O aforo é limitado e atende ás recomendacións para evitar o contaxio do Covid-19. Para asistir é necesario anotarse antes das 14:00 h. do mércores 23 de decembro chamando ao 981 672 580.