No día de hoxe publicouse no taboleiro de anuncios do Concello de Carral as bases que rexerán a contratación do/a substituto/a do coordinador de emerxencias deste Concello.

Coa publicación do anuncio no taboleiro comezará a contar o prazo de catro días hábiles para que calquera interesado/a se poida presentar. Máis información no departamento de RRHH do Concello.

A Consellería de Medio Rural acaba de retomar os permisos de queima de restos agrícolas amoreados.

As persoas que precisen máis información poden contactar co departamento de Medio Ambiente no teléfono 981 67 00 02.

A Casa da Cultura de Carral acollerá este xoves, 19 de outubro, a presentación do libro ‘Poemas guardados’, de Lino Braxe (1962-2020).

Na obra reúnese a produción poética do autor entre 2008 e 2011, durante as súas estadías en Cuba, Italia e Arxentina. O poeta plasma, a través dos versos, a dor e sufrimento que identifica como inherentes ao ser humano.

Braxe estivo vencellado a Carral en diferentes ocasións. Foi membro do xurado do Premio de Poesía Concello de Carral; actuou no municipio co seu grupo A Caricia da Serpe; e pasou tamén como director e actor polo escenario do Local Xente Nova de Tabeaio. A última visita foi no ano 2016 coa obra do grupo Valacar, da ONCE.

No acto, que dará comezo ás 20:30 horas, intervirán tamén Alexandra F. Otero, Sabela Hermida, Miguel Pernas, Manuela Varela e Eloy Vázquez Fontenla.

O Concello de Carral organiza un concurso de decoración de Samaín.

As persoas interesadas poderán participar en tres categorías diferentes divididas en: casas, pisos e comercios, enviando as imaxes ou vídeos da decoración ao teléfono 674 793 475 ata o 25 de outubro.

Haberá premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría.

Consulta as bases en:

A unidade móbil de inspección técnica de agrícolas desprazarase a Carral.

Estará no polígono dos Capelos (rúa Innovación) do 17 ao 19 de outubro e no seguinte horario:

  • De 9.00 a 13.30 horas e de 15.15 a 18.00 horas.

Carral iniciou, nesta primeira semana de outubro, o curso 2023/2024 do programa de escolas municipais deportivas, culturais e educativas. Fíxoo batendo un auténtico récord en cifras de participación.

O programa das escolas municipais é un dos máis importantes dos programados desde as Concellerías de Deportes, Cultura e Educación, tanto por número de usuarios e actividades (máis de 700 alumnos/as distribuídos en diferentes grupos das 20 actividades que se están iniciando), como por duración do mesmo, xa que o curso comeza o 2 de outubro e prolóngase ata o 21 de xuño do 2024.

Os obxectivos deste amplo programa de actividades son moitos, como fomentar un estilo de vida saudable e crear un hábito deportivo estable (sobre todo nos alumnos/as máis novos), axudar na conciliación familiar (especialmente coas actividades escolares), ou achegar a toda a poboación carralesa distintas formas de aproveitamento do tempo de lecer mediante o deporte, a cultura e a educación. É por iso polo que o rango de idade dos nosos alumnos/as vai desde os 3 anos en diante.

Desde fútbol sala ata zumba

O abano de actividades é amplo; desde os deportes máis clásicos como a patinaxe, atletismo, judo, ximnasia rítmica, baloncesto, zoa, ioga e pádel, ata disciplinas máis minoritarias como equitación, tiro con arco e tiro olímpico. En canto ás actividades dos departamentos de Cultura e Educación, a oferta abarca escolas como Teares e tapices, Fun English, escola de música, debuxo e pintura, informática, robótica, baile moderno e cociña divertida. Tamén a terceira idade ten cabida neste programa, no que se ofertan ximnasias de mantemento nas parroquias.

Actividades en horario extraescolar

Desde a implantación da xornada única no colexio Vicente Otero Valcárcel, o Concello ofertou un amplo abano de actividades nas súas instalacións para facilitar a conciliación das familias carralesas. As actividades deportivas que, a partir das 15:20 h impártense no pavillón anexo ao centro educativo son judo escolar (2 grupos), ximnasia rítmica (3 grupos), patinaxe (2 grupos) e atletismo (2 grupos). En canto ás actividades educativas ofértanse robótica, concilia día a día, debuxo e pintura (2 grupos), fun english, informática, cociña divertida  e baile moderno (2 grupos).

Actividades máis numerosas

As actividades para adultos con maior aceptación son ioga (120 alumnos/as), zumba (65) e pilates (75) e as ximnasias de mantemento para terceira idade (47).  En canto ás actividades dirixidas a nenos/as e mozos as máis numerosas son o judo (35), patinaxe (45), pádel (40), ximnasia rítmica (66), baile moderno (27), debuxo e pintura (27), informática (25).

2º prazo de inscrición

Aínda que durante o primeiro prazo de inscrición se completaron as prazas ofertadas para a maioría das actividades/grupos, esta semana (do 2 ao 5 de outubro) desde o Concello abriuse un segundo prazo de inscrición para cubrir as prazas que quedaron vacantes nalgunhas actividades ou grupos.

A inscrición pódese realizar a través do mail casadacultura@carral.es, ou en persoa nas propias dependencias municipais.

O teatro volverá ter un enorme protagonismo na programación cultural dos vindeiros meses. Da man do ciclo Teatro de Outono, o local Xente Nova de Tabeaio será o escenario no que se representarán un total de nove funcións de diferentes xéneros. O concelleiro de Cultura, Francisco Bello, sinala o compromiso do goberno local co programa, “que colleita, ano tras ano, un maior número de persoas asistentes”. Nesta edición, o calendario terá unha maior presencia de compañías locais. Deste xeito, tres das nove funcións correrán a cargo de agrupacións teatrais de Carral. As funcións levaranse nos meses de outubro, novembro e decembro no local Xente Nova de Tabeaio. En todos os casos, a hora prevista para o inicio da actividade será ás 20.30 horas.

Un alto en el camino, de Dinamia Teatro, será a obra inaugural do ciclo de outono (6 de outubro ás 20.30 horas). Neste caso, trátase dunha peza sobre o Camiño de Santiago na que se conta a historia de tres peregrinos que coinciden nun pobo. Alí, atoparán unha mochila chea de cartos e será entón cando teñan que conxugar os seus desexos de quedar co diñeiro cos seus valores propios e os que infunde esta ruta xacobea.

A agrupación Formiga Teatro será a seguinte en subir ao escenario. Farao o venres, 13 de outubro, con Alén, na que se narra a viaxe (física e espiritual) que realizan dous irmáns despois de que a súa nai fine.

Códice K, de Ainé producións, representarase o 20 de outubro. Nesta obra relataranse as investigacións, sospeitas e interrogatorios arredor da desaparición, entre o 2011 e o 2012, do Códice Calixtino.

De Ste Xeito Producións tomará o relevo coa interpretación de Backup a resurrección de Nuno o venres, 27 de outubro. Tal e como a define a propia compañía, é unha comedia post mortem na que se fala sobre unha posibilidade propia da ciencia ficción: que sucedería se puidésemos resucitar a alguén amado?

Relato para un incendio será a proposta coa que aAntena aterrará no municipio (3 de novembro). A obra parte de dous sucesos verídicos: os estudos antropolóxicos de Gustav Henningsen na procura dos últimos vestixios da bruxería en Galicia e os incendios provocados por unha veciña de Cerceda no 2016. A actriz, Isabel Risco, formará parte do elenco desta función.

Non é o que parece, da Tropa do Rueiro de Tabeaio, tomará a remuda o venres, 10 de novembro. A obra é un auténtico lío de saias e pantalóns no que Paco, Sabela, Marta e Jorge serán os protagonistas.

Charamusca Teatro de Carral dará tamén a coñecer Amor amor Carral (17 de novembro). Trátase dun espectáculo sobre curiosas relacións no municipio por parte de personaxes recoñecibles.

Unha terceira compañía local, Teatro Arroutada de Carral, chegará coa súa obra Os cabaleiros prefírenas brutas (24 de novembro). Nela, dúas voces femininas contarán ao público o que desexan, o que soñan ou o que se lles nega.

O ciclo de Teatro de Outono concluirá con Hugo, dos Náufragos teatro (1 de decembro). O protagonista é Hugo, un rapaz con Trastorno do Espectro Autista ao que lle gustan moito os avións e tamén contar o piano.

A entrada será libre ata completar aforo. En todo caso, unha vez que estea iniciada a función, non se permitirá o acceso á sala. 

O concello oferta 100 novas prazas para un total de 18 actividades/grupos. Os interesados poderanse inscribir nas ofertadas dende o 2 ata o 5 de outubro.

Dende ás 00:00 do luns 2 de outubro, concello de Carral abre un segundo prazo de inscrición no programa das escolas deportivas, culturais e educativas para aquelas actividades nas que quedaron prazas vacantes.

O prazo pecharase o día 5 de outubro ás 23.59 h. Os alumnos/as inscritos serán contactados polos departamentos municipais correspondentes e poderán incorporarse ás correspondentes actividades dende o luns 9 de outubro.

LISTADO DE PRAZAS
FICHA INSCRICIÓN
BOLETÍN DE BAIXA

O goberno local elevará ao pleno de mañá, xoves 28 de setembro, unha modificación da execución do orzamento de 2023 para os convenios de colaboración co tecido asociativo do municipio. En total, a modificación ascende a máis de 32.000 euros que se dedicarían a axudas a asociacións culturais, medioambientais, clubs deportivos e comisións de festas.

A cantidade serviría para apoiar a actividade dunha vintena de entidades. Como novidade con respecto a outros exercicios, o goberno local inclúe nesta relación de axudas ás comisións de festas. A idea, como apunta o alcalde de Carral, Javier Gestal, “é apoiar o labor que realizan as comisións, outorgándolles unha axuda económica para apoialos na organización de festas populares”.

As axudas servirán para sufragar a organización de actividades, eventos ou festas, a participación en competicións ou compra de material e equipamento deportivo ou a realización de charlas e xornadas.

Abrirase un novo prazo de inscrición entre o 2 e o 5 de outubro para as actividades nas que quedaron prazas vacantes.

Rematado o prazo de inscrición no curso 2023/2024 das escolas deportivas, culturais e educativas do Concello de Carral, fanse públicas as listas das solicitudes admitidas e as reservas, así como o lugar e data de inicio de cada unha das actividades.

LISTAS ACTIVDIADES

O mércores 27 publicarase a relación das prazas vacantes nas actividades nas que non se encheu o cupo de inscritos, abríndose un novo prazo de inscrición entre o 2 e o 5 de outubro.

Para calquera consulta ou aclaración deben de poñerse en contacto coa Casa da Cultura de Carral – casadacultura@carral.es ou 981.67.25.80, entre as 8:30 – 14:30 h e as 17:00-20:00 h.