CARRAL ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA AS ESCOLAS MUNICIPAIS, OFRECENDO 40 PROPOSTAS PARA TODAS AS IDADES
Folleto Escolas 22-23 BOLETÍN DE INSCRICIÓN
O Concello abrirá mañá, luns, 5 de setembro, o prazo de inscrición para as súas Escolas Municipais, ofrecendo unhas 40 actividades. Nesta edición, o programa inclúe propostas deportivas, culturais, educativas, de Servizos Sociais e algunhas organizadas polas asociacións e clubs do municipio. Desde o goberno local sinalan que se trata dunha oferta “completa e que conta con iniciativas para os veciños e veciñas de todas as idades coa que se busca, entre outros obxectivos, promover a conciliación da vida laboral e familiar”.
Como novidade con respecto a outros anos, o Concello inclúe, nesta ocasión, as diversas iniciativas culturais e deportivas que levan a cabo as entidades do municipio. Con isto conséguese, non só ampliar o listado de actividades, senón tamén pór en valor e impulsar o labor que realiza o tecido asociativo de Carral. A maiores, por primeira vez, o centro de formación Antón Fraguas acollerá a Escola Municipal de Música, con clases para aprender a tocar os seguintes instrumentos: piano, guitarra, batería, baixo, contrabaixo, violonchelo, violín, frauta, clarinete, trompeta e saxo.
A convocatoria incorpora as seguintes actividades:
- Atletismo escolar: para nenos e nenas a partir de 4 anos
- Ximnasia rítmica escolar: para nados no 2018 e anteriores
- Patinaxe escolar: a partir dos 4 anos
- Judo: a partir dos 4 anos
- Judo (Tabeaio): a partir dos 4 anos e tamén para adultos
- Baloncesto: a partir dos 6 anos
- Tiro con arco: a partir de 6 anos e para adultos
- Equitación: a partir de 7 anos e para adultos
- Pádel: a partir de 8 anos
- Tiro Olímpico: a partir de 8 anos e para adultos
- Zumba: a partir de 12 anos
- Ioga: a partir de 14 anos
- Jumping fítness: a partir de 14 anos
- Teares e tapices
- Obradoiros culturais
- Actividades escolares: servizo de madrugadores e concilia día a día, robótica, debuxo e pintura, fun english, música e movemento, baile moderno, informática, cociña divertida e ciencia divertida.
- Escola municipal de música
- Ximnasia de mantemento en Carral
- Ximnasia de mantemento nas parroquias
- Fútbol sala e balonmán coa U.D. Carral
- Bailes latinos, cociña e repostería, costura para principiantes e calceta e gancho coa asociación de Mulleres Rurais.
- Baile tradicional e pandeireta e teatro coa AA.VV. O Rueiro de Tabeaio.
- Escola de música da man da asociación Cultura Aberta de Carral.
As persoas interesadas deberán presentar a solicitude cuberta e asinada, preferiblemente, de xeito telemático a través do correo casadacultura@carral.es ou da sede electrónica carral.es. Así mesmo, poderanse presentar de xeito presencial na Casa da Cultura ou no Complexo Deportivo. O prazo de solicitude estará aberto desde mañá, 5 de setembro ás 9.00 horas, ata o día 23. As actividades comezarán na primeira semana de outubro.