O Concello de Carral iniciará esta semana as obras de adecuación da contorna das antigas vivendas dos profesores.

Estes traballos responden á demanda dos veciños da zona, dado o seu estado actual. Con iso, o goberno local pretende facer deste espazo un lugar seguro para o alumnado e pais e nais que acceden ao recinto á hora da saída en época lectiva.

Así, nunha primeira fase pavimentaranse e adecuarán os accesos, para posteriormente colocar unha marquesiña ao longo das vivendas. A primeira fase contará cun orzamento que excede os 39.000 euros.

Poñémonos en contacto con vostede para achegarlle o novo Formulario de Oferta de Emprego que esperamos lle facilite a xestión da contratación de persoal. 

Tamén queremos informarlle que Emprego Galicia ofrece as empresas unha nova ferramenta para presentar as ofertas, trátase da Oficina Virtual de Empresas, cun formato sinxelo de cumprimentar para tramitar en liña as ofertas de emprego. Xuntamos Vídeo titorial da Oficina Virtual de Empresas:Vídeo Oficina Virtual de Empresas

*A oficina virtual de empresas no caso de concellos so permite a presentación de ofertas  tipo A(ordinarias), non as subvencionadas

A continuación, achegámoslle un folleto informativo onde se detalla paso a paso a presentación dunha oferta de emprego. Ademais, pode contar en todo momento co apoio do persoal técnico da nosa oficina para consultar calquera dúbida que teña.

Tamén dende a Oficina de Emprego, pódese xestionar a convocatoria de persoas candidatas para que acudan a unha entrevista ás instalacións da túa empresa. Así coma o noso persoal técnico pode realizar as entrevistas, se o precisas, nas nosas instalacións.

Lembrarlle, que no portal web de Emprego Galicia pode atopar nas pestanas de Empresas e Emprendemento información de interese para a contratación e formación das súas persoas traballadoras.

Con estas melloras Emprego Galicia espera axudarlle e facilitar todo o proceso de contratación de persoas desempregadas. Dámoslle as grazas pola súa colaboración e confianza.

Para máis información poden poñerse en contacto coa nova ADL do Concello de Carral os luns e os xoves no Toñito Espiñeira.

Concello de Carral

Sométese a información pública por prazo de 30 días a partir do seguinte ao de publicación do Acordo de Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía , Empresa e Innovación do 30 de xullo de 2021 da Xefatura Territorial da Coruña polo que se somenten a información pública a solicitude de autorización administrativa previa a declaración de utilidade pública en concreto a necesidade de urxente ocupación que iso implica a autorización administrativa de construcción o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal ( proxecto de interés autonómico) do proxecto do parque eólico As Encrobas nos concellos de Cerceda, Carral e Ordes ( A Coruña) ( Expediente IN408A 2020/93) no DOGA nº158 do mércores 18 de agosto de 2021, que estará a disposición no seguinte enlace:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210818/AnuncioG0596-300721-0003_es.html

A solicitude está relacionada coa instalación que se describe a seguir: Solicitante /promotor: Naturgy Renovables, S.L.U (CIF – B84160423) Domicilio: Avda Arteixo nº171, 15007 A Coruña Denominación do proxecto: Parque eólico As Encrobas Concellos afectados pola poligonal do parque eólico: Cerceda, Carral e Ordes ( A Coruña) Potencia que se vai instalar: 20 MW Número dos aeroxeradores que se van instalar: 4Ud. x 5MW de potencia unitaria Produción media neta estimada : 68.326 MWh/Ano

Horas netas anuais: equivalentes a potencia nominal 3.416 horas Orzamento execución material : 20.378.055,01 € Prazo de execución: 7 meses A documentación estará a disposición dos interesados nas dependencias da sección de enerxía desta Xefatura Territorial da Coruña, da Vicepresidencia 2ª e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (rúa Vicente Ferrer, nº2, 2º Andar, 15071, A Coruña das 9:00 horas ás 14:00 horas, de luns a venres, con cita previa no correo electrónico, seccion.enerxia.coruna@xunta.es ou nos teléfonos 981.184983 e 981.284962) asi como nos concellos de Cerceda, Carral e Ordes ( A Coruña).

O estudo de impacto ambiental estará tamén disponible, durante o mesmo prazo na Xefatura das dependencias da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Concello de Carral

O Concello conta desde onte, luns 16 de agosto, cun novo axente de emprego e desenvolvemento local. Esta contratación realízase en réxime de persoal laboral temporal e parte dun convenio entre os Concellos de Carral, Oza-Cesuras e Coirós. Coa incorporación deste axente, o goberno local busca reforzar as áreas de emprego e promoción económica.
Este traballador acudirá Carral os luns e xoves e desempeñará entre outras, estas funcións: promoción do emprendemento, asesoramento na posta en marcha de proxectos de empresa, apoio na xestión empresarial, difusión das diferentes formas de financiamento e subvencións existentes, identificación no territorio de novas oportunidades de negocio e emprego e, ademais, promoción e implantación de políticas activas de traballo.
Este axente traballará no edificio social Toñito Espiñeira. Os veciños e veciñas que desexen acceder a este servizo poderán solicitalo a través do teléfono 981 67 00 02 ( Concello) ou do 981 61 35 20.

Con motivo da nova instalación de servizos 4G poden producirse interferencias na sinal de recepción do TDT dos televisores en algúns fogares do municipio.

Se isto sucede, podes contactar e facer a túa reclamación no seguinte teléfono 900 83 39 99 ou a través da páxina web WWW.LLEGA800.ES. As posibles reparacións que precisen os televisores, serán gratuítas nos 6 primeiros meses.

Máis información no servizo de Medio Ambiente do Concello ou no teléfono 981 67 00 02.

O sábado, 30 participantes pateamos o tramo do camiño inglés que transcorre polo noso concello.

Realizamos un bonito percorrido por diferentes parroquias do noso concello durante case 4 horas que nos levou realizar o roteiro.

Foron máis de 12 km que nos levaron por lugares destacados do noso municipio como a área de descanso de A Lameira, ou polo albergue de peregrinos/as de Sergude, onde fixemos a correspondente parada para comer algo e tomar folgos.

Durante practicamente todo o roteiro contamos coa colaboración de protección civil de Carral, que nos axudou nos tramos máis complexos ou perigosos, xa que algunhas partes do percorrido, cruzaba vías con circulación de vehículos. Pero o realmente importante foi a satisfacción coa que os/as participantes e nos, os organizadores, rematamos esta actividade que sen dúbida nos encantou.

A OMIX (oficina municipal de información xuvenil) organiza nesta ocasión un novo roteiro, concretamente unha parte do camiño inglés que transcorre polo noso concello. A actividade que se realizará o día 14 de agosto, sábado, comezará ás 9:30 h. e a saída será desde o campo da feira. O regreso está programado no mesmo lugar sobre as 14:00 h.

Organizada para maiores de 13 anos, para participar e imprescindible anotarse. Para elo, tes que enviar a ficha de inscricción e/ou autorización por correo electrónico a omix@carral.es ou por whatsapp ó 674.793.475.

Serán un total de 13 km, e a dificultade e baixa. Debes levar calzado axeitado, auga, algo de comer e unha viseira.

O prazo para anotarse remata o 11 de agosto.

MJ Pérez e Lulavai serán as artistas que conforman o cartel da 7ª edición do ciclo Músicas Íntimas: concertos na piscina, que terá lugar na fin de semana do 31 de xullo e 1 de agosto.

MJ Pérez, que actuará o sábado en formato dúo, é unha das novas voces da música galega. Cantautora que iniciou a súa traxectoria no 2014 e que acumula máis de 100 concertos, 4 discos, o premio Xuventude Crea, ademais de ser finalista noutros certames. A música de MJ Pérez bebe da esencia da canción de autor, unha fusión de diversos estilos musicais co predominio do rock-pop ata o de agora, mais co seu novo disco emprende un cambio de rumbo no que os ritmos latinos e a música de raíz están máis presentes.  A palabra e a mensaxe dos temas cobra especial protagonismo xunto coa voz de MJ, cargada de personalidade.  O seu concerto en Carral servirá para presentar o seu novo disco “A luz prendida”.

O domingo toman o escenario o cuarteto Lulavai, una formación única no que a polifonía se xunta aos fermosos sons das arpas celtas nuns elaborados arranxos de temas tradicionais e de compositores galegos. Lorena Reinaldo, Paula Oanes, Josefa Fernández e Elena Paz formaron Lulavai no 2008, gravaron 3 discos  e acumulan concertos realizados por Galicia, o resto de España e Portugal. O seu concerto será un percorrido por temas propios, adaptacións da nosa música tradicional, con temas tranquilos e outros máis rítmicos, empregando as arpas celtas e outros instrumentos de percusión tradicional.

Para ambos os dous concertos as localidades son limitadas, polo que é necesario reservar convites na Casa da Cultura antes das 14:00 h. do venres chamando ao 981 672 580.

O ciclo Músicas Íntimas é o evento musical de referencia de Carral que cada ano chega no verán con propostas galegas de gran calidade e aceptación por parte do público.

No caso de meteoroloxía desfavorable, as actuacións trasladaranse á Casa da Cultura, dando acollida ás primeiras 25 reservas de entradas de cada concerto.

Despois de ter que aprazar a actividade para hoxe e de que o ano pasado non poidemos organizar esta excursión, voltamos a Cerceda a pasar o día no Aquapark.
A pesar de que o día comezou algo nubrado, e do verán que estamos a ter, foi aparecendo o sol por momentos e quedou unha tarde xeitosa para que as nenas e nenos aproveitaran o dia.
A piscina de ondas, o jacuzzi, o Roaller Coaster ou o multipistas, foron algunhas das atraccións das que puideron gozar.

Faise pública a listaxe das solicitudes admitidas para o ENGLISH SPORT CAMP que terá lugar entre o 19 de xullo e o 6 de agosto.

Para calquera consulta ou aclaración os interesados poden poñerse en contacto coa Casa da Cultura no 981.67.25.80 ou no mail casadacultura@carral.es.