Co fin de achegar o deporte ao maior número de veciños e veciñas e de dar a coñecer os servizos e instalacións municipais, a matrícula no Complexo Deportivo de Carral será gratuíta entre os meses de novembro e xaneiro. Así o confirma o concelleiro de Deportes, Francisco Bello, que confía en que esta medida sirva para “impulsar o número de inscricións na instalación municipal”.

A maiores desta iniciativa, as persoas socias do Complexo poderán asistir ás clases dirixidas (tonificación, zumba, circuit T, aerobox, GAP, etc.) de xeito gratuíto e desfrutarán de descontos no aluguer das pistas de pádel. Ademais, os usuarios e usuarias desta instalación poderán aforrar unha cota se traen a un amigo ou amiga.

Tras finalizar o proceso de acendido de novas estacións de telefonía móbil no noso concello o día 30 de setembro de 2022 finaliza o plazo para solicitar a atención gratuíta das incidencias que se produciran con tal motivo.

O número de atención para informar de tales incidencias é o 900 83 39 99.

https://www.bonosactivacomercio.gal/

COMERCIANTE

Prazo de adhesión: 13 de outubro ao 30 de novembro de 2022

Mais información: https://www.bonosactivacomercio.gal/gl/merchant


CLIENTE

Prazo de descarga e utilización de bonos: 24 de outubro a 31 de decembro de 2022

Mais información: https://www.bonosactivacomercio.gal/gl/client

Estimular as compras nas feiras municipais. Ese é o obxectivo que o goberno local de Carral aspira conseguir con Vermufeira, un programa que ofrecerá sesións vermú en coincidencia cos mercados do último domingo do mes. Trátase dun proxecto piloto que se probará, por primeira vez, na cita do domingo, 30 de outubro, e que se aplicará nas feiras dos vindeiros meses.

O concelleiro de Cultura, Francisco Bello, e a concelleira de Comercio, Mercedes Caridad, confían en que esta medida sirva como “impulso para incrementar a participación nos mercados e, polo tanto, para estimular as compras nos postos da feira e no comercio local”.

A primeira sesión vermú terá lugar o domingo, 30 de outubro, a partir das 13.30 horas. Ese día, terá lugar a actuación do cantante e compositor, Ángel Habana. Ademais da animación musical, xa desde as 12.00 horas, as persoas que se acheguen a Carral poderán degustar polbo e orella á feira, así como churrasco.

Carral teno xa todo preparado para vivir as festas do Magosto e do Samaín por todo o alto. A cita terá lugar o sábado, 29 de outubro, no Campo da Feira, e ofrecerá alternativas de lecer para veciños e veciñas de todas as idades. Deste xeito, haberá xantar, actuacións musicais e unha festa con diferentes alternativas de lecer para a rapazada.

A xornada arrincará a partir das 14.30 horas co xantar, composto polo seguinte menú: empanada, mexillóns, lacón asado, sobremesa e café. A comida estará amenizada pola actuación musical de Ivan Van Band.

A festa de Samaín comezará en horario de tarde, prolongándose entre as 17.00 e as 20.00 horas. Durante ese período haberá obradoiros de maquillaxe e de zonchos, cucuruchos de castañas, inchable interactivo zombie, etc. A cita incluirá a representación do conxuro da queimada e outras moitas sorpresas. Na xornada haberá tamén un castañeiro.

As prazas para a comida son limitadas, polo que as persoas que desexen asistir deberán reservar a súa praza no teléfono 981 67 25 80. O período de inscrición estará aberto desde mañá, mércores 19 de outubro, ata o día 27.

Neste mes de outubro, retómanse as sesións de contacontos na Biblioteca Municipal. Esta actividade de animación á lectura está dirixida a nenos e nenas dende 0 a 10 anos e celébrase de outubro a maio.

Para os máis pequenos (de 0 a 3) cada penúltimo xoves de mes haberá unha sesión axeitada para esta franxa de idades e o último xoves de mes estará dedicada aos nenos e nenas a partir de 4 anos.

A primeira sesión será o xoves 20 de outubro con Eduvía que presentará “Contacontos Sensorial” para nenos e nenas de 0 a 3 anos e o xoves 27, Trinketrinke Teatro.

  •  Participaron un total de 15 parellas de todas as idades.
  •  Entregaron os trofeos o concelleiro de Deportes, Fran Belo, e o alcalde de Carral, Javier Gestal.

Carral, 15 de outubro de 2022. O pasado xoves, 13 de outubro, finalizou o VI Torneo de Pádel do Concello de Carral, no que se proclamaron vencedores Marcos Mosquera e Adrián Varela, que gañaron por 7-5 e 6-1 na final a Martín Villamarín e Alejandro Xesto.

No torneo, que comezou o 15 de xullo, participaron un total de 15 parellas de todas as idades. Primeiro disputouse unha fase de liga e despois, a mediados do mes de setembro, comezou a fase de eliminatorias.

Tras a disputa da final entregaron os trofeos o concelleiro de Deportes do Concello de Carral, Fran Belo, e o alcalde, Javier Gestal.

O Concello de Carral convoca unha reunión informativa para todos os notificados na parroquia de Sergude para que xestionen a biomasa nas parcelas da súa propiedade e demais persoas interesadas.

 

Terá lugar o próximo venres, 14 de outubro, ás 12:30 horas, no local social de Sergude.

 

Bando_informativo

A Casa da Cultura do Concello de Carral acolleu, esta mañá, a presentación dunha nova edición do Ciclo de Outono. O acto estivo presidido polo alcalde, Javier Gestal, polo concelleiro de Cultura, Francisco Bello, e polo deputado de Cultura da Deputación, Xurxo Couto. Así mesmo, o pistoletazo de saída desta convocatoria do programa contou coa presenza de representantes dalgunhas das compañías teatrais que participan no ciclo.

Durante a súa intervención, o rexedor celebrou o regreso deste ciclo, “que medra, ano tras ano, en número de persoas asistentes”. Así mesmo, Gestal aproveitou a ocasión para reafirmar o compromiso do goberno local “por ofrecer alternativas culturais aos veciños e veciñas de todas as idades”.

Todas as funcións levaranse nos meses de outubro, novembro e decembro no local Xente Nova de Tabeaio. En todos os casos, a hora prevista para o inicio da actividade será ás 20.30 horas.

Libre coma os paxaros, de Teatro do Atlántico, será a obra inaugural do ciclo de outono (8 de outubro ás 20.30 horas). Neste caso, trátase dunha peza dirixida ao público adulto onde Rosalía de Castro será a protagonista. A famosa autora dirixirase ao público para compartir as particularidades da súa orixe, do seu pensamento e das súas circunstancias sociais e dos condicionamentos que ten para exercer o seu traballo como poeta e escritora.

A agrupación A Panadaría será a seguinte en subir ao escenario. Farao o venres, 14 de outubro, con As que limpan. A historia fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis para conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, atoparán a avaricia voraz dos propietarios das cadeas hoteleiras.

A parábola do angazo, de Talía Teatro, representarase o 21 de outubro. Na obra, a compañía fará unha viaxe no tempo para explicar a historia da lingua galega. Deste xeito, intentará entender o presente deste idioma. Para facelo, contará a historia dun mozo dunha aldea galega que emigra a Castela e, ao pouco de facelo, remata por esquecer a súa lingua nai.

Malasombra Producións tomará o relevo coa interpretación de SÓS o venres, 28 de outubro. A proposta cultural preséntase como unha reflexión, ás veces cómica e ás veces dramática, sobre a vellez, a convivencia e a soidade que sofren moitas persoas maiores nos seus últimos anos de vida.

Bravas será a proposta coa que Isabel Risco, de Culturactiva, aterrará no municipio (4 de novembro). Trátase do segundo espectáculo unipersoal da actriz e, ao longo do mesmo, Risco ofrece a súa particular visión da historia das mulleres galegas.

Amantis, de Rebordelos, será a seguinte actividade do Ciclo de Teatro (11 de novembro). A agrupación teatral subirá ao escenario para contar a historia dun adolescente de barrio obreiro que quere ser influencer.

Como homenaxe a Álvaro Cunqueiro, a compañía Teatro do Noroeste traerá a Carral a súa obra Feirantes, un espectáculo protagonizado polas curiosas personaxes que aínda habitan moitos pobos de Galicia. A función terá lugar o martes, 15 de novembro, e estará dirixida ao alumnado da ESO. A función lévase a cabo a través da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña.

A seguinte proposta será a representación de As fillas bravas e o mito de Casandra por parte de Grupo Chévere (18 de novembro). As protagonistas deste espectáculo son tres pandeireteiras do lugar de Momán (concello de Trabancas) que cantan coplas e contan contos escoitados con retranca e sabedoría.

O porco de pé, da firma Producións Teatrais Excéntricas, chegará a Carral o venres, 25 de novembro. A obra está centrada no porco, o animal símbolo dos cocidos e do entroido de Galicia, que tomará o local social de Tabeaio para amosar a súa superioridade sobre os seres humanos.

O grupo de teatro afeccionado O Rueiro será o penúltimo en actuar dentro do Ciclo de Teatro, e farao coa súa proposta Quen anda aí? (26 de novembro). Charamusca Teatro pechará o programa con Planeta Uralita o sábado, 3 de decembro.

A entrada será libre ata completar aforo. En todo caso, unha vez que estea iniciada a función, non se permitirá o acceso á sala.

O Concello de Carral abre un segundo prazo de inscrición para as Escolas Municipais do curso 2022/2023. As persoas interesadas poderán anotarse naquelas actividades/grupos das escolas municipais nas que aínda quedan prazas vacantes. O prazo estará aberto desde o 4 ao 7 de outubro.

Actividades e grupos.
Horarios e datas de inicio e presentación das actividades deportivas, culturais e educativas do curso 2022/2023.

FICHA INSCRICIÓN