A OMIX (oficina municipal de información xuvenil) organiza a exposición “A ría do Burgo, fogar de milleiros de aves” grazas á cesión de esta polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) de maneira gratuíta.

A exposición poderedes visitala ata o  8 de maio, no local interxeracional, en horario de 16:30 a 20:30 h. De luns a venres, e os sábados de 17:00 a 20:00 h.

A través de esta exposición, os/as visitantes, poderán coñecer a riqueza ornitolóxica deste esteiro formado pola desembocadura do río Mero. A Ría do Burgo, acolle durante todo o ano mais de 2.500 aves acuáticas de ducias de especies diferentes, facéndoo un dos enclaves máis prezados da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Estas aves están moi afeitas á presenza das persoas polo que a ría do Burgo convérsese nun lugar idóneo para observar esta fauna salvaxe que, nalgúns casos, ven de lugares tan remotos como Canadá, Siberia ou Mauritania.

O Concello está celebrando a fase de liga regular do seu Torneo de Pádel, no que están participando preto de 20 parellas. Como noutras edicións, a cita deportiva tivo unha grande aceptación entre a veciñanza de todas as idades.

Nesta edición, o certame municipal conta con persoas inscritas con idades comprendidas entre os 15 e os 52 anos. A maiores, as agrupacións son masculinas, femininas e tamén mixtas.

Nesta primeira fase, as parellas foron divididas en dous grupos e, ao remate da mesma, todas terán xogado entre si. Segundo o calendario de partidos, esta primeira parte do torneo disputarase ata o 2 de xuño, ofrecendo un total de 56 encontros na fase regular.

As duplas que resulten gañadoras serán as que pasarán ás fases eliminatorias, que terán lugar entre o 5 e o 17 de xuño: cuartos, semifinais e finais.

Publícase a acta do tribunal cualificador para a contratación de tres albaneis e un electricista (oficiais de segunda) ao abeiro do Programa de axudas á contratación de persoal para a execución de obras e servizos municipais nos concellos da provincia (liña 1.1 PEL-CONCELLOS 2023) da Excelentísima Deputación da Coruña.

Outórgaselle a todos os aspirantes un prazo de dous días hábiles para reclamacións.

Máis información no departamento de Recursos Humanos do Concello.

ACTA.doc (2)

Un novo roteiro, o 6º xa, deseñado e organizado desde a OMIX (oficina municipal de información xuvenil) de Carral, terá lugar o sábado día 6 de maio e percorrerá os lugares de Quembre e Cabrois entre outros.

A saída esta planificada para as 9:00 h. desde o campo da feira e o regreso sobre as 14:00 h. ó mesmo lugar.

En total faremos uns 12 km aproximadamente, con unha dificultade moderada en canto o percorrido. Pero non vos asustedes! Farémolo con calma para así  gozar das fermosas paraxes e vistas que nos ofrece este roteiro.

A inscrición é para maiores de 12 anos, e estará aberta ata o 3 de maio, e para anotarse tedes que enviarnos a folla de inscrición, que podedes atopar na web (www.carral.es), no noso Facebook (omix carral) e no Insta (omix_carral). Podedes entregala na propia oficina (Local Interxeracional, r/ Alcalde Juan Seijas, nª8), enviala ó noso correo electrónico ou o whatsapp (674.793.475)

As recomendación que vos damos son as de sempre, roupa xeitosa para a actividade, calzado adecuado, auga, algo para comer e un chuvasqueiro. Esperámosvos!

Inscrición – Autorización

CabroisOMIXPatea CarralQuembreroteiro

  • A cita gastronómica, organizada polo Concello xunto á Asociación de Panadeiros de Carral, celebrarase entre o 13 e o 16 de maio.

Carral prepárase para vivir a Festa do Pan máis longa da súa historia. A XIX edición, que terá lugar entre o 13 e o 16 de maio, ofrecerá a veciños e foráneos catro días de actividade arredor do produto estrela do municipio: o pan. O evento está organizado polo Concello en colaboración coas panadarías que conforman a Asociación de Panadeiros de Carral: Panadería Bonome Bouzas, Panadería Manuel Rodríguez e Hijos, Panadería O Pincho, Panadería Pedro Fernández, Panadería Da Cunha, Panadería Mercedes, Panadería Paraíso e Panadería Insua.

A ampliación da programación lévase a cabo co fin de ampliar o abano de público do evento, intentando achegar máis iniciativas e opcións tanto para os cativos e cativas como para a mocidade.

Como en edicións anteriores, un dos pratos fortes da cita será a venda dos xa clásicos bocadillos cardiosaudables. O Concello e a Asociación de Panadeiros de Carral agardan mellorar as cifras da última edición, na que se despacharon 8.000 destas elaboracións.

A programación deste ano desenvolverase o sábado, 13 de maio, e o domingo, día 14, ofrecendo ao público asistente actividades como as seguintes: feira medieval, obradoiros de elaboración de pan para os nenos e nenas, talleres de olaría e representacións teatrais. Eses días, as actividades rematarán coas actuacións das orquestras Fuego e A banda de ayer (sábado, 13 de maio a partir das 21.00 horas) e Miramar (domingo, 14 de maio, a partir das 20.00 horas).

A XIX edición alongará o calendario, prolongándose tamén durante as xornadas do luns, 15 de maio, e do martes, día 16. Por unha banda, o luns terá lugar o Pequepan (a partir das 18.00 horas). A cita incluirá o espectáculo MeRe-cidamente de clown e o concerto de Chuches Amil. Ao día seguinte será a quenda de Xovepan (desde as 20.00 horas). Ao longo da tarde venderanse bolos preñados elaborados polos panadeiros do municipio, haberá unha actuación da charanga Santa Compaña e da Escola Municipal de Música de Carral e, por último, unha sesión de noite cos gruposBomba e New York.

Por decreto da alcaldía do 05 de abril de 2023 resolveuse iniciar o procedemento de selección para a contratación de tres albaneis e un electricista (oficiais de segunda), durante seis meses e a xornada parcial para o departamento de Obras municipal.

A contratación está financiada pola Excelentísima Deputación da Coruña ao abeiro do Programa de axudas á contratación de persoal para a execución de obras e servizos municipais nos concellos da provincia da Coruña (liña 1.1 PEL-CONCELLOS 2023) e os/as candidatos/as deben estar en situación de desemprego na data de inicio do proceso selectivo e atoparse nalgunha das situacións de exclusión laboral recollidas nas bases de selección.

Logo de publicarse este anuncio os/as interesados/as terán ata o venres día 14 de abril, inclusive, para a presentación de instancias

Máis información nas oficinas de contratación do Concello de Carral.

Modelo Decreto (10)

A Consellería de Medio Rural dende o día 29 de marzo de 2023 e ata novo aviso, suspende os permisos de queima debido as condicións climatolóxicas.

Isto implica tanto que non se expedirán novos permisos de queima como que quedan anulados os que están en vigor.

O Concello de Carral cedeu hoxe o antigo colexio Víctor Velasco para ubicar nel un espazo formativo e tecnolóxico denominado ‘AMIGA’ e no que se realizarán cursos de especialización en animación e produción en 3D ou videoxogos.

O alcalde, Javier Gestal, asinou este martes un convenio co director e produtor de cine, Xosé Zapata, que permitirá comezar a mellora das instalacións no mes de abril con vistas á súa posta en marcha en setembro, coincidindo co inicio do curso escolar.

O Víctor Velasco será o primeiro colexio especializado. en animación dixital, 3D e videoxogos, así como un espazo de coworking, en Galicia. “Existen centros como o de Imaxe e Son, ou institucións como a Universidade de A Coruña, que contan con materias enfocadas á animación, pero queremos ir un paso máis aló e poder constituír un centro especializado en tarefas que, verdadeiramente, teñen moita saída laboral”, explica o carralés Zapata, gañador dun premio Goya o pasado ano polo seu traballo The Monkeys.

O rexedor sinala que este proxecto permitirá “situar a Carral no punto de mira no campo da tecnoloxía e producción audiovisual ligada á animación 3D ou videoxogos, o que sen dúbida atraerá a empresas e traballadores deste sector ata a nosa localidade”.

AMIGA, punto de encontro para empresas e creativos

Este proxecto de dixitalización pioneiro en Galicia e no noroeste de España é posible grazas á colaboración entre o Concello de Carral e A.C. AMIGA (Animación Made in Galicia). Así, ‘AMIGA’ será o punto de encontro de empresas, creativos e institucións que promovan a innovación e o desenvolvemento da Imaxe Dixital.

O centro e o seu plan formativo presentaranse oficialmente en xullo durante Mundos Dixitais, o Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Medios, que este ano celebra a súa 21ª edición.

O alumnado que se forme neste centro terá a opción de aprender de grandes profesionais como Ángel de la Cruz ou Alberto Vázquez, ademais de coñecer os pormenores da profesión a través de empresas como Lightbox Academy, produtora da película de animación Tadeo Jones.

Na mañá deste venres arrincaron os traballos de humanización na rúa Río de Canles tras sufrir un atraso no seu inicio.

Por mor destas obras, o tráfico verase cortado nesta zona durante os vindeiros días.

Desde o Concello de Carral pedimos desculpas de antemán polas molestias que isto poida ocasionar á veciñanza.

O primeiro programa de saúde bucodental dirixido aos centros escolares do municipio posto en marcha polo Concello, través da Concellería de Educación, foi todo un éxito de participación.

Durante este luns e o pasado, coincidindo co Día Mundial da Saúde Dental, nenos e nenas de educación infantil do CEIP Vicente Otero Valcárcel aprenderon sobre a importancia da saúde bucodental.

Os principais obxectivos deste programa de saúde bucodental son a realización de talleres de fomento deste tipo de benestar nas aulas e lograr a implicación das farmacias e clínicas dentais. Así, nesta iniciativa participaron Farmacia Carral, Farmacia Ortopedia Grande, Farmacia Seijas Seoane, Centro Dental Ignacio Maceiras, Centro Dental González de Canles e Gingiden centro dental.

Por outra banda, desde a Concellería de Educación buscan que a través deste tipo de actividades na aula se reduzan as enfermidades dentais grazas, entre outras actuacións, á prevención e creación de hábitos tanto hixiénico saudables como alimentarios.

O alumnado de catro e cinco anos estivo moi participativo durante as sesións, interesándose polo coidado e a historia dos dentes de leite. Ao finalizar a actividade todos recibiron dous detalles: un estoxo cun cepillo e pasta de dentes, por parte dos centros dentais; e unha caixiña con forma de dente por parte das farmacias participantes.

A concelleira de Educación, Mercedes Caridade, sinala “a importancia de inculcarlles o coidado dos dentes desde que son pequenos e pequenas”. Ademais, a concelleira recalca que moitos nenos e nenas desenvolven un medo para acudir ao dentista, polo que “é recomendable que os propios familiares acompañen aos cativos e cativas para que se familiaricen con este tipo de atención”.